Análise e conclusións, achegadas durante a Xornada, sobre as implicacións que para a vitivinicultura galega pode supoñer a reforma da PAC proposta pola Comisión Europea.
O 26 de xaneiro de 2019, no Pazo da Cultura da Cidade de Pontevedra, tivo lugar a celebración da Xornada de debate e análise: A VITICULTURA GALEGA ANTE A ENCRUCILLADA DO 2030.
A Asociación Galega de Viticultura (AGV), organizou esta xornada co obxectivo de difundir e debater, entre os axentes do sector vitivinícola galego, os aspectos máis salientables da proposta de reforma da OCM (Organización Común de Mercados dos Produtos Agrarios), que a Comisión Europea está a impulsar na reforma da Política Agraria Común (PAC), e a modificación do regulamento 1308/2013, así como a prevista liberalización do sector a partir do ano 2030, co fin do actual réxime de autorización de novas plantacións de viñedo.
Na AGV entendemos que calquera modificación do marco normativo europeo, do sector vitivinícola e o seu mercado, merece unha análise e debate entre os seus axentes. Análise e debate do que extraer unhas conclusións que permitan: en primeiro lugar facer as achegas oportunas ás administracións competentes na materia en defensa dos nosos intereses, e no segundo ir adoptando estratexias e plans de traballo, tanto a nivel particular como colectivo, que nos permitan chegar á data de introdución das modificacións nas regras de xogo, nas mellores condicións posibles para garantir non tan só a supervivencia do sector, senón un crecemento sostible que consolide a viticultura galega como un sector económico de primeiro orde para o País, e que este contribúa a xerar riqueza no medio rural axudando a inverter a curva de esmorecemento e abandono na que está inmerso nas últimas décadas.
Descarga aquí o Resumo Final_Completo (1)