UN NOVO ATAQUE DO PARTIDO POPULAR AO MEDIO RURAL GALEGO: O ANTEPROXECTO DE LEI DA AUGA.

Compostela, 13 de Outubro de 2010.-

O Consello da Xunta de Galiza aprobou o pasado 27 de maio o proxecto da nova Lei de Augas, que neste momento está a debaterse no Parlamento galego. Preséntase esta lei como a ferramenta para acadar un consumo responsábel da auga, mais un mínimo estudo ao seu contido non amosa ningún aspecto de regulación e protección das augas, se non o desenvolvemento de dous novos impostos: o canon da auga e o coeficiente de vertido que substituirán ao actual canon de saneamento. Pódese afirmar que o único obxectivo do PP ao presentar este proxecto de lei é aumentar a capacidade recadadora da Xunta en base a unha enorme e inxusta subida de impostos sobre o uso e consumo da auga.

Esta subida vai afectar fundamentalmente ao consumo doméstico dunha maneira absolutamente desproporcionada. Todos os usuarios domésticos cun consumo medio e normal, ficarán dentro dos tramos máis elevados do novo canon, co que terán que afrontar a maioría dos fogares galegos subas que chegarán até 300 %. A maiores disto a afectación no medio rural galego é especialmente negativa e discriminatoria. Amosando un descoñecemento da realidade rural ou unha intencionalidade clara de avanzar na eliminación do mundo rural galego.

A AFECTACIÓN NO MUNDO RURAL É ESPECIALMENTE NEGATIVA E DISCRIMINATORIA:

No anteproxecto de lei elaborado polo PP suprímense as exencións actuais que tiñan en conta as peculiaridades e dificultades do medio rural. Na proposta de novo canon elimínase a exención que existía actualmente para os núcleos de menos de 2000 habitantes e tamén terán que pagar o novo imposto os núcleos rurais que non teñan rede de saneamento e que até este momento, e na aplicación do sentido común, estaban exentos do pago do canon de saneamento. O medio rural conta xa cunha moi ridícula dotación de servizos e infraestruturas públicas como para que se lle retiren as poucas medidas de discriminación positiva coas que se contaba. Isto non axudará máis que a incentivar o abandono do rural.

A maiores a nova lei pretende cobrar os novos impostos tamén a quen dispoña de pozo propio ou traídas veciñais e comunitarias de auga. Non atopamos ningunha razón, a non ser unicamente a recadadora, para pretender cobrar o consumo de auga a quen fixo co seu esforzo e capital un pozo ou aos veciños ou comuneiros que con gran esforzo se puxeron de acordo para entre todos, e moitas veces sen axuda de ningunha administración, dotar ás súas casas de traídas de auga, e para o cal tiveron que pedir os permisos e autorizacións pertinentes. Nestes casos son os propios usuarios os máis interesados en facer un consumo responsábel da auga, obxectivo declarado da lei, sen ter que aplicarlles este novo imposto para conseguilo. Os titulares dos pozos e traídas comunitarias están obrigados a instalar contadores homologados no prazo de seis meses, de non facelo poden ser multados con sancións que poden chegar aos 30.000 € e se lles cobrará o canon en base a estimación do consumo medio dunha vivenda.

En canto aos usos agrícolas e gandeiros da auga, en principio quedan exentos, salvo os que produzan contaminación ou os que produzan verquidos á rede de saneamento. No caso de ter a explotación conexión a rede pública de saneamento o pago do canón é ineludíbel e a calidade das augas terá que estar dentro dos marxees que marque a ordenanza municipal correspondente. Se non ten conexión a rede pública, caso máis frecuente nas explotacións galegas, queda a expensas das inspeccións pertinentes determinar ou non si hai contaminación, e polo tanto, si se ten que pagar o canon ou non. Ficando novamente o desenvolvemento da actividade agraria e gandeira na discrecionalidade administrativa e na inseguridade procedimental. Fican tamén pouco clarificados a situación dos usos tradicionais da auga para rego de brañas, prados e cultivos.

E por isto que a Federación Rural Galega-FRUGA esixe a retirada deste anteproxecto de lei, e a elaboración dun novo no que o medio rural galego non se vexa afectado dunha maneira tan brutal. Esiximos do Goberno Galego que se teña en conta a situación de abandono constante que se está a vivir no mundo rural, e polo tanto, se tomen medidas de discriminación positiva para intentar frear este proceso. Nese sentido é fundamental que se entenda a actividade agraria e gandeira como peza imprescidíbel para evitar este despoboamento e para garantir o futuro do rural galego, e polo tanto sexan consideradas actividades prioritarias a defender e potenciar.

Recuperar a autoestima no noso rural

Autor: Xabier Bruña Garcia. Queda alguén aí? A nivel global o sistema urbano-agro-industrial atópase en descomposición, sendo necesaria unha reconfiguración do propio sistema. No noso país a dicotonía urbano-rural está polarizándose cada día máis, o que fai que o equilibrio razoable ao que se chegara no uso do territorio no pasado se desfaga e comporte a día de hoxe graves problemas estruturais: http://www.terraetempo.org/artigo.php?artigo=1935&seccion=7

A crise e a xestión comunitaria dos recursos

Autor: Xosé Alfredo Pereira Martínez. A estas alturas do partido, debería estar claro que o culpable da crise que estamos a padecer, é única e exclusivamente, o sistema capitalista (aínda que se poña os apelidos que guste). Os pobos e as maiorías sociais que conforman estes non teñen ningunha culpabilidade, son os que a padecen. http://www.terraetempo.org/artigo.php?artigo=1919&seccion=6

ASINADO O CONVÉNIO DE COLABORACIÓN ENTRE FRUGA E CIG

Xurxo Álvarez e Suso Seixo, durante a sinatura do convénio.

Compostela, 20 de setembro de 2010.- O pasado venres 17 Xurxo Álvarez, Presidente da FRUGA, e Suso Seixo, Secretario Xeral da CIG, asinaron en Compostela o Convenio de Colaboración que formaliza as relacións entre a FRUGA e a CIG. Este acto celébrase logo de que os distintos órganos de governo das duas organización desen a sua aprovación a un texto que estabelece os eixos fundamentais nos que se teñen que dar as relacións entre duas organizacións irmás na defensa das clases traballadoras e populares da Galiza.

Asi, ambas as entidades contarán con delegacións nomeadas polos seus respectivos órganos de governo para executar o desenvolvimento deste convénio que recolle, entre outras cuestións, a necesidade de colaborar nos distintos procesos eleitorais que afecten a unha ou à outra organización, asi como o apoio nas distintas comarcas onde fora necesario o uso das distintas infraestructuras e servizos dos que unha ou outra puidera dispor.

A XUNTA SEGUE A EVIDENCIAR O SEU FRACASO NA XESTIÓN DA CRISE DO SECTOR LÁCTEO

Cartóns de "Deleite" a 0,39 €

Logo de reunirse coa distribución, ésta continua ofertando “leite” por baixo dos 40 Céntimos.

Unha das marcas ofertadas a baixo prezo é o produto estrela das cooperativas organizadas polo PP para facerse coa pranta de Outeiro de Rei.

Compostela, 16 de setembro de 2010.- Para a FRUGA visitar os andeis de lácteos dos supermercados operantes na Galiza é unha confirmación do fracaso de Juarez non xá na xestión da crise do sector lácteo galego, senon do modelo empresarial auspiciado por el para facerse cargo da pranta de Pascual en Outeiro de Rei. Asi, apenas 24 horas despois de reunirse coa distribución alimentar operante na Galiza para solicitarlles o seu compromiso para non utilizar o leite como reclamo comercial, e priorizar as relacións comerciais con aquelas empresas que xeneren certa estabilidade no sector coa asinatura de contratos co setor produtor, topamos ofertas de leite por baixo dos 40 Céntimos: concretamente, a 39 céntimos, do produto “Deleite”. É cando menos irónico que sexa unha empresa de base cooperativa galega a que se comporte coa mesma agresividade que as grandes multinacionais foráneas no mercado do leite galego, xá que para ofertar leite a eses prezos, unha de duas, ou moi pouco se está a pagar ao produtor/a, ou se está incorrendo en práticas comerciais perniciosas (dummping) manifestamente denunciábeis, sobre todo sabendo o papel xogado pola Conselleria encabezada por Juarez para facerse coa xestión da pranta envasadora do centro de Lugo.

Non sabemos se este tipo de comportamentos contribuirán a aumentar a “irritación” do Conselleiro, ou se, póla contra, xá fixo provisión abonda de anti-histamínicos para superar as suas crises.

A oferta faciase en supermercados na área de influencia de FEIRACO.

Concretamente, a oferta foi localizada en establecementos comerciais de Bertamirans e Negreira, pertencentes ás cadeas EROSKI e GADIS. Segundo poido averiguar a FRUGA, e no caso do supermercado EROSKI de Bertamiráns, tratábase dunha oferta programada para esta semana en curso, sendo finalmente suspendida onte mércores à tarde, logo da alerta desatada entre os numerosos e numerosas clientes, que mesmo tomaron esta oferta como unha probocación, toda vez que estas localidades están na zona onde residia a outra opción  que competia póla xestión da pranta transferida por PASCUAL.

FRUGA reclama compromisos reais.

Perante a incapacidade demostrada por esta Conselleria ate o de agora para enfrontar a crise na que se atopa o sector produtor de leite na Galiza, a Federación Rural Galega reclama a asunción por parte do Conselleiro das súas responsabilidades políticas e a sua posta ao frente na defensa do sector, mais aló das xa recorrentes e habituais declaracións de intencións, valeiras de contidos, coas que nos “deleita” dia si dia tamén. O contrário seria a constatación da sua incapacidade para ocupar o posto que ocupa: debe pasar xá de observador a actor nunha cuestión na que o agro galego, non só o leite, se está a xogar o seu futuro.