Monte

O NOSO MONTE: MOITO MAIS QUE MADEIRA

Relatório oferecido pola compañeira Mariam Ferreira Golpe na Asemblea Constituinte da FRUGA.

Lugo, 28 de Novembro de 2009Asemblea Constituinte da FRUGA

O monte galego representa un recurso de primeira magnitude tanto desde o punto de vista social e ambiental como tendo en conta aspectos puramente produtivos. Esta importancia reflíctese nos datos máis salientabeis do sector:
– O 69% da superficie da Galiza posúe uso forestal da que está arborada o 70%, isto é 1 millón catrocentas mil hectáreas.
– A produción do monte galego representa máis do 6% do Produto Interior Bruto e xera 40 000 empregos directos.
– O anteriormente relatado dá unha idea da importancia económica e territorial que o eido forestal posúe para o desenvolvemento do noso País.
No pasado o monte galego cumpría un papel fundamental dentro do Sistema Agrario Tradicional: A roza, a sementeira de cereais, o alimento para o gando (pastoreo), o estrume, a leña para quecerse e cociñar, a madeira para construir,… Este modelo comeza a mudar na década dos sesenta: As explotacións agrarias optan por un sistema produtivo baseado na intensificación e no emprego de alimentos concentrados. Os aproveitamentos tradicionais, daquela, perden sentido, dando lugar ao abandono das terras de monte.Se sumamos o despoboamento das áreas rurais todas e todos
coñecemos o resultado

– O caos territorial
– Incendios forestais
– Desregulación da fauna
– Aumento dos problemas sanitarios nas masas forestais
– ….
Somos conscientes da necesidade urxente de revertir esta situación, pois o potencial do monte galego é enorme e cómpre non desperdiciar as numerosas oportunidades que se nos presentan.
É de sobra coñecida a triple funcionalidade do monte: A Produtiva, A Protectora, A Social

– Cando se nomea a función produtiva de imediato pensamos na Madeira, e certamente o monte produce madeira, pero non só. De igual interese resultan outro tipo de aproveitamentos. Os cogomelos, o gando, o mel, as plantas medicinais, os froitos pequenos e grandes, os recursos cinexéticos e da pesca,…. a biomasa. Debido á posición xeográfica de Galicia e ás súas condicións climáticas, as taxas de crecemento vexetativo superan amplamente ás que se dan noutros recantos da Península. Esta circunstancia permítenos obter maiores e mellores
rendementos na produción.
– Por outra banda a crecente preocupación da sociedade encol do cambio climático e o quecemento global lémbranos a importante función que as masas boscosas desempeñan como fixadoras de dióxido de carbono. A función protectora abrangue cuestións tan esenciais como a loita contra a erosión do solo, regulación do ciclo hidrolóxico, o mantemento da biodiversidade,… Calquera de nós ten presente a Vaga de Lumes do 2006 e as graves consecuencias que a falta de coberta vexetal produciu no outono dese ano: Inundacións, escoamentos de terra, ruína de bancos marisqueiros, desperfectos nas vivendas…
– De semellante importancia é a función social que o noso monte cumpre nunha dupla vertente:
– O esparexemento e ocio, a práctica de deportes ao aire libre, a conservación e valorización do patrimonio, a educación e concienciación ambiental son exemplos da primeira póla da función social.
– A segunda das pólas constitúea a xeración de emprego, o desenvolvemento de zonas deprimidas, a fixación de poboación no rural.
Pero o fomento das potencialidades anteriormente descritas bate de cheo coas reducidas dimensións das leiras do monte: Cada propietario ou propietaria forestal posúe de 2 a 2 hectáreas e media, fragmentadas nun promedio de DEZ parcelas. Esta circunstancia limita a combinación de aproveitamentos e mesmo o desenvolvemento de algúns deles. A isto hai que engadir as dificultades que ocasiona esta excesiva parcelación na xestión e ordenación dos recursos do monte. Ao tempo mérmase a rendibilidade da explotación debido ao incremento dos custos.
Os procesos de concentración da propiedade son lentos e custosos, e en numerosas ocasións non acadan os obxectivos previstos. Moito máis sinxelos e eficaces resultan os prantexamentos que establecen a xestión en común da superficie.
Experiencia xa temos… Os montes veciñais en man común, que representan como o acordo da veciñanza fai posíbel a explotación conxunta da terra, os pastos comunais, onde cada persoa era propietaria de certo número de animais pero o manexo do rabaño efectuábase conxuntamente, as augas, os camiños.
Cómpre, xa que logo, continuar por esta vía. Encetouse un proxecto interesante coa creación da figura das Unidades de Xestión Forestal, as UXFor. Un sistema de ordenación e xestión en común de parcelas pertencentes a distintos propietarios e propietarias coa finalidade de facilitar a súa explotación e acadar unha maior rendibilidade. No ano de aplicación desta figura constituíronse xamáis de corenta Unidades de Xestión Forestal. Na actualidade fican paralisadas por decisión da Administración Galega, mais ven de constituirse unha plataforma en defensa das UXFor que ten como obxectivo principal o mantemento destas, suliñando a necesidade que ten o sector dunha
ferramenta destas características. Chámense ou non UXFor, coidamos indispensábel un modelo de xestión conxunta dos predios forestais.
Non podemos esquecer os problemas asociados á comercialización dos produtos do monte:
– En primeiro lugar, a ausencia dun mercado transparente e regulado que permita fixar prezos mínimos tal e como se realiza noutras producións agrarias (O Observatorio do Sector Lácteo, contratos homologados,…).
– En segundo lugar a dificultade para colocar no mercado certos produtos, de calidade indubidábel, ben por falta de tradición no seu consumo, ben pola competencia con produtos foráneos mellor situados.
– Por último a falta de industria transformadora vinculada ao sector, que peche o ciclo produtivo, xerando valor engadido no País.
Contamos con suficiente capital humano (labregas e labregos, silvicultores e silvicultoras, persoal técnico formado), contamos coa Terra e contamos coa iniciativa.
Concluímos entón que é preciso deseñar unha política forestal clara e ambiciosa que dea resposta aos múltiples requirimentos expresados polo sector e que contribúa a reducir as numerosas eivas que na actualidade este presenta.
Temos as ferramentas, poñámonos a traballar.