Celebración do TÚNEL DO VIÑO “BEBER DO PAÍS EN CARBALLO-2017”, do 24 ao 26 de novembro

 

Presentación do Túnel do Viño

A Asociación Galega de Viticultura (AGV) ven realizando, durante os últimos anos, unha intensa labor de promoción e difusión dos viños galegos, por medio de diferentes actividades ao longo da xeografía do noso País. A estes eventos súmase agora a Vila de Carballo coa celebración, en colaboración co Concello de Carballo, do primeiro Túnel do Viño “Beber do País”.

Por medio das distintas actividades que se realizarán preténdese ofrecer ao público en xeral, e aos profesionais da restauración, unha visión da riqueza e o potencial do universo da vitivinicultura galega e os seus “terroir”.

 

Para elo a actividade central do Túnel do Viño consistirá nunha ampla mostra/exposición, de viños galegos de todas as zonas vitícolas galegas. Contaremos con adegas de tódalas DO e IXP de viños (DO Monterrei, DO Rías Baixas, DO Ribeira Sacra, DO Ribeiro, DO Valdeorras, IXP Barbanza e Iria, IXP Betanzos e a recentemente aprobada IXP Ribeiras do Morrazo), que presentarán as distintas marcas de viños que está a elaborar.

Coa finalidade de facilitar o acceso ao maior número posible de cidadáns, a entrada a este evento será de acceso libre, previa retirada de convite, e os visitantes poderán degustar libremente aqueles viños que desexen. Para completar a experiencia, e ampliar o coñecementos das principais características dos viños presentados, e das súas zoas de orixe, os visitantes terán á súa disposición sumilleres, catadores e persoal capacitado para proporcionarlles toda a información que requiran, e a posibilidade de participar en catas comentadas.

Como acto inaugural desta primeira edición do Túnel do Viño “Beber do País” en Carballo, realizarase unha mesa redonda sobre a temática: “Os viños galegos na vangarda da vinicultura”.  Nela participarán destacados persoeiros do mundo do viño galego, e que dende a súa condición de viticultores, adegueiros, enólogos, sumilleres, etc., fan da viticultura algo máis que unha actividade económica, xa que dela fixeron unha forma de vida.

En paralelo a celebración do Túnel do Viño haberá unha exposición gráfica sobre a tradición vitivinícola na Galiza e o seu presente.

 

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter