I Foro do Viño do Morrazo: do que se falou

O pasado día 11 en Vilaboa xuntouse moita xente para analizar as perspectivas da vitivinicultura da Penínusula do Morrazo, inaugurou Xavier Míguez por parte do Concello de  Vilaboa, onde situo o traballo do sector feito nos últimos anos e na que destaca a reestructuración de viñedos no propio Concello de Vilaboa e que se levou adiante e a evolución cara unha maior profesionalización de viticultores/as.

Viñedos nos arenais de Donón. (Foto de Xavier Míguez)

Comezou coa primeira ponencia Xosé Manuel Fernández Castro por parte da Consellería de Medio Rural e do Mar, e na que repasou o papel importante das Denominacións de Calidade e as Indicación Xeográficos como xeito de valorizar productos agroalimentarios con procedencias xeográficas específicas, seguindo unha impronta seguida principalmente polos países do sul da Europa. Así é como hai actualmente 850 productos diferentes con algún tipo de cualidade diferenciada e protexida en Europa, que tipifican o propio producto e logo se normalizan uns regulamentos sobre produción, elaboración e comercialización. Temos o exemplo do queixo de Rochefort que esta protexida a súa procedencia desde 1666 ou mesmo as ordenanzas de 1564 nos viños de Ribadavia. E por iso que os viños do Morrazo deben iniciar o procedemento para adquirir algun tipo de recoñecemento segundo o que marca a última reforma da Organización Común do Viño, ou sexa cara unha Indicación Xeográfica Protexida de Viños da Terra (IXP) e mais adiante mesmo acadar unha Denominación de Orixe Protexida (DOP). Este proceso precisaría dunha complexa tramitación qeu se resume nun prego de condicións argumentado coa vinculación que se quere dar aos viños do Morrazo coa historia, tradición, castes, a figura do furancho, etc. Dito prego de condicións deberá pasar polos diferentes niveis administrativos para acadar o obxectivo perseguido desde Santiago a Bruselas.

Igrexa Vella de Marín, onde estaba o antigo e poderoso Priorado de Marín

Xosé Manuel González Vilas fixo un percurso por diversos fitos históricos que situen os viños do Morrazo, en base a algúns estudios feitos, no que hai que sinalar o monumental traballo de Huetz de Lemps. As primeiras referencias documentadas sobre o cultivo da vide e comercio do viño alá polo século XIII, posiblemente o establecemento dos cisterciences no Priorado de Marín puido ter sido un factor favorable. En 1589, durante o reinado de Felipe II, hai ordenanzas sobre a posibilidade de vender o viño local durante algúns meses do ano, o porto de Cangas xa daquela exportaba parte do viño do Ribeiro e viaxeiros da época gabavan a beleza dos viñedos de Vilaboa despois de cruzar a Ponte Sampaio. As plantacións de vide acadan unha máxima expansión a mediados do século XVIII, despois de múltiples crises sociais e biolóxicas se asiste a un rexurdimento forte a comezos do século XX coa vinda dos híbridos e variedades foráneas como era o Xeréz e o Alicante, lóxicamente en detrimento das cepas vellas de Tinta Femia e Espadeiro entre outras. Foi precisamente que logo na posguerra triunfan os “novos viños” que se adaptaban ben aos gustos locais, e tamén respodían á forte demanda dos centros urbans de Pontevedra e Vigo, fixeron aumentar as plantacións e rendementos, e neles destacaba a sona dos viños de Hío que se chiquiteaban no Berbés en Vigo.

Tamén se repasou nas “estrañas” circunstancias nas que o Morrazo non acadou a súa pertenza a criación da DO Rías Baixas alá polo ano 88, cando xa había mesmo algún recoñecemento previo por parte da Administración, mesmo cas seguintes ampliacións que tiveron lugar. De feito a Denominación Rías Baixas foi consecuencia da anterior Denominación do Albariño que protexía a variedade s o ámbito xeográfico era Galiza. Despois criaronse outras DOs como Monterrei no 1993 e Ribeira Sacra no 95, e houbo ampliacións da DO Rías Baixas en Salceda de Caselas, Soutomaior e parroquias de Ponteareas. O que é certamente indubidable é que existen máis de 1300 has de viñedo, unha presencia crecente das castes autóctonas, a singularidade de paisaxes vitícolas únicos como os viños dos arenais de Donón, así como tamén un certo reflorecemento da figura do furancho como producto do seu recoñecemento administrativo, todas estas “cousiñas” fan que o Morrazo deba ter un lugar merecido entre as grandes zonas de viño do país, debeda pendente con outras zonas como o Val do Navia, a Baixa Limia, ou mesmo o Val do Louriña e as terras de Mondariz.

Isaac Rodríguez na súa disertación

Posteriormente houbo a charla impartida polo Enxeñeiro Agrónomo Isaac Rodríguez (Asociación de Viticultores de Vilaboa) sobre as características dos viños do Morrazo, onde de maneira sumária falou de brancos, tintos e “malos”. Isaac repasou as diferentes variedades cultivadas na península como o Albariño, Treixadura, Loureiro, Godello, Palomino, Mencía, Caíños, Espadeiro e Sousón. En xeral os viños brancos acadan un grado medio baixo, dependendo dos anos e lóxicamente dos rendementos. O Albariño ten unha moi boa adaptación á zona, en consonancia coas comarcas lindantes, sobre a Treixadura a pesares da súa tradición (presencia de cepas vellas) ten unha máis difícil maduración; a Loureira e moi apreciada na zona de Cangas e pode acadar rendementos considerables; do Godello hai pouco, e ademáis podrece con facilidade; o Palomino é introducido fundamentalmente na posguerra, tamén hai algo de Torronteś ou Albariño Portugués. Sobre os viños tintos destaca a presencia da Garnacha Tintoreira, uva apreciada precisamente case pola cor que aporta; hai plantacións novas de Mencía pero que se non se retira carga (vendimas en verde) difícilmente se superan os 11º; no que respecta a Tinta Femia (Caíño Redondo) que tamén ten os nomes locais de Cachorro ou Batorro, cústalle madurar, moi apreciado polo aroma e esa agulla ácida moi característica; co Espadeiro pasa outro tanto, pode facer un bó binomio coa Tinta Femia; o Sousón é unha caste mellorante, de introdución recente, igual que o Tempranillo. Os “viños malos” son producto da nosa posguerra, o aque foi a introdución dos híbridos productores directos (HPD) como o Catalán Roxo, Fresa, Folla Redonda, Negro, etc., Marín e Cangas levaron máis destes viños polo seu accesos a Pontevedra e Vigo respectivamente, Bueu e Vilaboa foron máis o autoconsumo e plantaronse menos, ao igual que a afamada “subzona” de Hío.

Híbrido Tinto. (Fonte AGV).
Caiño Redondo ou Tinta Femia, unha das bandeiras dos viños do Morrazo. (Fonte AGV).

O Morrazo conta cun potencial para tintos con intensidade aromática inmellorabla, pensar que o Morrazo é unha lingua de terra que entra no mar e esa frescura do clima no tempo da vendima fixa mellor os aromas. A evolución positivo da viticultura da península pasa por avanzar na eliminación de híbridos, mellorar os sistemas de condución e rebaixar os rendementos medios actuais, en tintos sobre 6.000-8.000 quilos/ha) e tamén mellorar a elaboración.  Finalmente se trazou unha subzonificación por tipos de viños entre as zonas de Marín, Bue-Cela, Cangas-Hío, Moaña e Vilaboa.

No que respecta á comercialización hai só dúas adegas con calificación de viño de mesa, logo hai moito autoconsumo e venda a granel ou a venda en furancho, o futuro pode pasar pola valorización a través da Produción Integrada e a Agricultura Ecolóxica, hai que acadar unha IXP ou DOP.

Francisco Rego comezou preguntándose se se afirma que “o viño é bo, máis para quen?”, a resposta a esta pregunta ten moito a ver coa orixe das nosas variedades autóctonas e como tuveron o seu auxe e decadencia no tempo, decadencia que agora está a reverter, lóxicamente os cambios están orientados aos consumidores de agora e non os de antes. Desde a ancestral Vitis Sylvestris que foi matriz das diferentes variedades europeos foi quedando unha división por zonas moi concretas, no Morrazo estarían o complexo dos Caíños que é moi antigo, os Espadeiros, a Loureira ou  Espadeiro Branco a Branca Lexítima, o Pedernal, Carabuñeira, Sousón, Brancellao, e rarezas como a Oubiña. Ao igual que acontece cos Vinhos Verdes Tintos de Portugal hai que traballar nas diferentes combinacións.  A Carabuñeira (Touriga Nacional en Portugal) e o Sousón interesa máis que o Tempranillo, nos caiños hai que cortar rendementos xa que son serodios, interesa tamén o Brancellao; sobre o espadeiro hai que ver cal é, hai un espadeiro do Salnés e outro do Condado que é sinónimo ao Ferrón do Ribeiro, hai a Oubiña que únha caste tinta do Salnés. Ao igual que as variedades hai que explicar a lóxica das conducións tradicionais, como os parrais baixos para soportar mellor o vento.  Moitas destas varieades se teñen esquecido no Morrazo, é preciso por en valor a variedade que permite múltiples elaboracións e que ademáis se diferencia do que hai en comarcas limítrofes como sería a DO Rías Baixas.

Ambiente de convivio no Furancho da Cañoteira en Vilaboa. (Fonte AGV).

 

Rematou a Xornada cunha intervención de José Luís Videira, Presidente da Federación de Furancheiros e Viticultores de Pontevedra, e que centrou ante o público a figura do furancho no contexto da Penísula do Morrazo.

José Luís Videira, Presidente da Federación de Furancheiros de Pontevedara. (Fonte AGV).

José Luís Videira  fixo unha defensa argumentada do furancho, mesmo lembrando o paso importante do recoñecemento por parte da Xunta de Galiza. Afirma Videira que de ter condicións técnicas de elaboración aceptables se poden “comparar os nos viños con calquera das outras zonas de DO”.  Desde os tempos de Felipe II hai tradición de furancho, hai pouco tempo se comenzou a normalización do funcionamentos deste de xeito que evite a competencia desleal de outro tipo de negocios que nada teñen a ver. O furancho permite a compaña e conversa entre xentes de diferente procedencia e pensamento, nese sentido se ten que potenciar a comarca como a alternativa de venda local que leva funcionando hai séculos. Videira fixo denuncia da inutilidade da plantar en montes cando aínda moita zona de viñedo por explotar e protexer.

O terceiro tempo do Foro rematou cunha degustación de viños da zona, algúns albariños de Hío, Tinta Femias de Cela e os moi logrados viños de Vilaboa, en especial da adega Os Areeiros do Guillermo, saude e longa vida polos viños do Morrazo!, en maio teremos a I Festa do Viño de Vilabo, vémonos daquela.

 

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

Deixa un comentario