A Ribeira de Arousa e a viticultura atlántica a discusión

Viñedos de Valga. Fonte AGV

As Xornadas celebradas en Valga resultaron nun éxito de público existente e sobre todo na calidade das exposicións e debates que houbo. Na inauguración houbo unha decidida aposta por parte do Alcalde de Valga en favor dunha iniciativa empresarial que permita sacar unha marca comercial que comeze a proxecta a zona. O Xerente do GDR, Anxo Escariz comentou que as Xornadas rematan unha primeira etapa, haberá apoio para as fases seguintes. Loli Lobato, Presidenta da Asociación de Viticultores de Ribeira de Arousa, ten amosado a firme determinación a promover unha primeira experiencia elaboradora baixo o paraugas da IXP Viños da Terra de Barbanza e Iria. Roberto Rivas da Asociación Galega de Viticultura, tamén amosou todo o apoio e asesoramento que se precise para tal iniciativa, nos mesmos termos se manifestou o representante do Concello de Pontecesures.

Imaxes das Xornadas. Fonte AGV

Nas diferentes charlas abordáronse diferentes temáticas relacionadas cos diversos aspectos técnicos, así no venres, Xosé Manuel González Vilas, Técnico da AGV, Francisco Rego da EVEGA. Antonio Meixide do CFEA de Guísamo remarcaron a necesidade de defender unha viticultura encamiñada a un alto status de calidade, coa necesidade de reconvertir o catalán cara a súa substitución por castes como a Albariño, Treixadura, Godello, Torrontés e Raposo nas brancas e o Caíño, Mencía, Loureiro Tino, Sousón e Brancellao nas Tintas, especial interés pode ter a variedade Raposo ou Branca Lexítima polas súa axeitada adaptación á zona, onde xa hai viñedos plantados na Península do Barbanza. Neste sentido houbo tamén unha orientación á boa planificación das plantacións, coa atención as densidades, emparrados, e sistemas de cultivo, sobre todo para no repetir experiencias negativas noutras zonas como as Rías Baixas.

Viñedos en Valga. Fonte AGV

Germán Martínez, empresario vitivinícola do Salnés, falou das posibilidades de baixar custes á hora de por plantacións e logo mecanizar os traballos.
No sábado comezou coa exposición das experiencias cooperativas da Adega Moraima en Barro e a da Vitivinícola Arousana en Meaño, aínda sendo as dúas de diferente escala, non deixaron os seus representantes de afirmar a perfecta viabilidade dun novo proxecto na zona arousana, xa que como comentou Carlos Carríon, Presidente da Vitvinícola Arousana, hai que conxugar o equilibrio entre romanticismo e pragmatismo empresarial. Unha das posibilidades vai nunha primeira elaboración, aínda que sexan poucas botellas, sen ter que esperar a unha adega propia, contando coa posibilidade das que xa están legalizadas na IXP, isto permitiría lanzar a marca e financiar o investimento posterior, xa que ao final a imaxe comercial da adega é o principal patrimonio a considerar.

Continuando coas sesións, se deu paso a outros exemplos como a duha pequena SAT do Rosal, Aldea de Abaixo, ou a da experiencia de agrupamento de viñedos Solaina Minei en Castrelo de Miño, que tamén é unha posibilidade a ter en conta na propia bisbarra arousana. Logo se deu paso a dúas moi interesantes iniciativas no eido da viticultura ecolóxica, Viña Corisca en Salceda de Caselas e O Seixo en Ribadavia. A Xerente de Corisca, Natalia Rodríguez comentou das dificultades a superar na posibilidade de sacar adiante a produción de 6 has de albariño nunha zona que se presupoñía difícil para este estilo de produción, finalmente xa hai unha estabilizacón das colleitas para rendementos entorno ás 8.000 botellas por ha. Adolfo Collarte, Técnico de O Seixo falou das actuais técnicas empregadas en viticultura ecolóxica, desde o manexo do solo con coberturas vexetais ata o emprego de innovadores defensivos en base a plantas como a ortiga, casca de laranxa, rentos, cola de cabalo, etc.

Antonio Portela dirixindo a cata. Fonte AGV

Tamén se abordou a situación de outras zonas que aínda non teñen DO, nen sequera IXP de Viños da Terra, como son os casos de Negueira de Muñiz en Lugo, A Baixa Limia en Ourense e o Morrazo-Redondela en Pontevedra. Nestas zonas hai viticultura histórica e elaboracións de calidade como a da Adega Panchín de Negueira de Muñiz, coa estrela da Branca Lexítima, e a figura dos furanchos que hai na Baixa Limia e en Redondela, por parte de Agustín Fernández, colleiteiro de Entrimo como de Fermín Alonso de Redondela, fixeron unha incendida defensa desta figura, que represente como ningunha outra, “o noso enoturismo popular” e que se debe regularizar definitivamente o recoñecemento pleno dunha institución que se ten documentado desde o século XVII.
Finalizou a Xornada coa participación con representantes dos Concellos de Valga e Pontecesures, xunto coa Presidente de Ribeira de Arousa, onde se reiteraron o apoio aos proxectos. Como remate unha cata comentada de 10 viños entre os que estaban as elaboracións experimentais de Albariño e Mencía de Catoira, Albariños de Valga e Dodro, un viño de Raposo de Boiro e as marcas comerciais Pintadoiro da Pobra do Caramiñal e Xirpín de Boiro, ambalas dúas da IXP de Barbanza e Iria, tamén se cataron o Señorío de Rubiós Sousón monovarietal e o Goliardo do Salnés con Caíño Tinto, e tamén un elaboración experimental do Branco Lexítimo de Negueira de Muñiz, todas as elaboracións experimentais foron realizadas pola AGV coa colaboración de Antonio Meixide do CFEA de Guísamo.

Nas catas os viños arousáns resultaron claros e límpidos, en opinión de Antonio Portela, Vicepresidente da Asociación Galega de Sumilleres, viños directos que manteñen a frescura que tanto se aprecia nos mercados, tamén hai sitio para os tintos coa debida redución de rendementos nas parras, xa que as referencias do Salnés e o Condado permiten albiscar viños con longa expresión, e como apunte complementario as grandes posibilidades da Branca Lexítima ou Raposo, que xa podes ser incluída no listado da IXP, tanto os viños barbanzáns como o de Negueira deron unha rotunda proba das posibilidades desta variedade.

Ao longo dos próximos días faleremos en detalle do moito que se dixo en Valga nos dous días, estade atentos.

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

1 comentario en “A Ribeira de Arousa e a viticultura atlántica a discusión

Deixa un comentario