VII Festa do Viño Tinto de Rías Baixas e as nosas castes tintas

Voltamos ás Neves, pequena grande patria miñoteira, e daremos homenaxe debida a un curiosamente fenómeno viñateiro, que é falar dos tintos de Rías Baixas!, semelle extraño aínda que non o debía ser, se temos en conta o pasado vitícola case en tinto por todas as bisbarras galegas. Xa Alvaro Cunqueiro na sua “Cociña Galega” sinalaba o seguinte:

Alvaro Cunqueiro

” Miño abaixo, damos con Salvaterra e o seu condado, célebre dende Pedro Madruga. Digo os nomes maiores do Condado: Rubiós, Tortoreos, Meder. Con algúns tintos do Ribeiro do Avia, hai que poñer os destas partes. Eu aseguro que o mellor tinto galego que catei na miña vida, foi un de Rubiós: ¡Deus, que ancho era, que farto, que amistoso, que quentador, que conselleiro!

E así ficou unha especie de aldea gala sitiada polos magníficos albariños, e onde unha adega como a de Coto Redondo fai recuncar e agromar propostas a base de mencía, sousón e pedral  e que nos fai esquecer un pouco os magníficos brancos da caste predominante e doutras como a treixadura e loureira, onde tamén xa se poñen de longo no Condado. Oficialmente nas Rías Baixas son preferentes caiño tinto, espadeiro, loureira tinta e sousón, e  como autorizadas mencía, brancellao e pedral. Esta división semella algo arbitraria e confusa como logo veremos, é un pouco a penitencia que as nosas tintas teñen por pasar longa clandestinidade no purgatorio, moi diferente á sorte das irmás brancas, sendo iguais en número, diversidade e potencial de calidade.

Señorío de Rubiós sousón, Goliardo caiño e a extinta Torroxal, salvo algunha garrafa sen beber.

Queda sen dúbida a paixon polos tintos nas terras do litoral e miñotas, aparte dos popularizdos “barrantes” do Salnés houbo iniciativas de valor como foi a pioneira Torroxal no Rosal que o Quin de Goián en outros tolos foron de plantar en ladeiras imposibles, proxecto con súpeto remate e que prometía….e clásicos que van soando como o caiño D’Arvelos e  propostas atrevidas como o Goliardo do enólogo berciano Raul Pérez,  e adegas que van introducindo tintos como o caso de Zarate e Quinta de Couselo…

Pero toca falar do potencia vitícola para os tintos máis atlánticos, sen esquecer lóxicamente aos amigos do Barbanza-Iria, Morrazo e Betanzos, Francisco Rego impartiu recentemente no Rosal, coa oportunidade da súa XX Feira do Viño, un repaso do potencial de castes brancas como tintas, centrando nestas últimas comentou o seguinte:

Vellos parentescos mestizos das nosas castes: a trosseau na esquerda e a pinot noir na dereita
Espadeiro do Condado. Fonte AGV

A viticultura galega é a mellor expresión vixente do que foi a antiga Gallaecia, vemolo nas sinonimias do brancellao, serradelo en Betanzos, albarello no Sil, bransello no Morrazo, albarelhão en Portugal. De onde viron moitas das nosas castes?, está descartada por burda a idea extendida hai un tempo de que pelegrins da Francia trouxeron o riesling para dar o albariño e a cabernet franc para a mencía. Recentes investigacións agrupan as nosas castes con parentescos con variedades francesas como a pinot noir da Borgoña ou a trousseau do Jura, sinónima do nosa merenzao ou bastardo, falariamos máis dunha esquecida mestizaxe que ben puidera ser de dobre dirección, por aqueles camiños xacobeos que na realidade eran camiños do viño, xa que desde Compostela ou Saint Jacques chegaban á Champaña, Borgoña, Burdeos e o  Languedoc. Unha posible resolución da cuestión a darian as perdidas Vitis silvestris, que sería a analoxía do lobo frente ao can. Na época castrexa preromana as silvestris galaicas puideron ser vinificadas en aqueles lagares rupestres de haberá máis de 2000 anos. Logo chegaron os romanos coa sua civilización báquica que herdaron dos gregos e que istes posiblemente herdaron dos pobos do Caúcaso e o Mar Negro, pero isto xa é outra historia.

Antigo mapa francés dos camiños xacobeos ou os camiños do viño. Fonte AGV

 

Caiño tinto ou redondo. Fonte AGV

Temos para comezar o caiño tinto ou redondo, ou tinta femia do Morrazo, borraçal en Portugal, variedade case mítica na nosa memoria dos viños do litoral aurousán, con todo sinalar que hai autores que falan dunha tinta femia separada do caiño tinto. Ten madurez tardía e aporta unha acidez delicada aos viños, certamente en relación coa costume dos nosos padais máis atlánticos. Temos logo outra caste denominada espadeiro no Salnés, que logo veremos diferente do espadeiro do Condado. O caiño bravo, ou caiño antigo no Ribeiro, o amaral ou azal tinto en Portugal, como di o nome é variedade moi antiga, posiblemente unha caste pai doutras, de certo no seu cruzamento co albariño deu o caiño branco. Madurez serodia e aporte importante de calidade, neste sentido hai que xogar cos microclimas  e ensaiar densidades. O caiño longo, chamado sousão galego en Portugal é máis precoz, aroma esquisito, interesantísima, pode acadar exceso de produción, dependerá da viticultura escollida.

Sousón. Fonte AGV

 

O sousón, ou sousão do Douro, tamén denominada tintilla no Ribeiro, viñon na Baixa Limia , vinhão en Portugal ou retinta, certamente da o maior potencial de cor para ser base dos grandes tintos galegos, sobre todo se teñen certa crianza en madeira. O castañal é a caste indíxena do Rosal e que xa foi recoñecida pola Administración como preferente, aporta finura. O espadeiro do Condado, ou ferrón ou ferrol no Ribeiro, negrón no norte do Ribeiro, da cor e acidez, uva delicada e que é diferente ao espadeiro do Salnés ou os espadeiros ou padeiros portugueses, acompañante tradicional nos viños de Rubiós co pedral ou albariño tinto de Monção. E que pasa co loureiro tinto.. a cuestión semella en que esta caste é sinónima do espadeiro do Condado ou ferrón xa comentados, algun material foi tamén identificado como sousón.

A mencía entrou para quedarse e sen dúbida é a uva  máis extendida por todo o país, non é preciso falar máis dela, e que tamén nas Rias Baixas ten seguidores que a axeitan de forma especial ao clima e solos propios. O brancellao xa citado da nobreza aos viños, mesmo corpo se aplica unha viticultura severa como fan por Monterrei, moi sensible ao oidio. Desde logo hai mías propostas como o comentado merenzao, as posibilidades da touriga nacional portuguesa ou carabuñenta galega, o mouratón, ou a zamarrica que temos en Monterrei ou o máis ibérico tempranillo coa sua variante da arauxa ou tinta femia (non confudir coa titna femia do Morrazo) de Monterrei e a indultada garnacha titureira ou alicante. Bendita confusión de nomes, xa lles gustaría noutros lares ter a mesma. Sigamos o exemplo do Cunqueiro e imos ás Neves na vindeira fín de semana.

Pedral. Fonte AGV

 

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

Deixa un comentario