Demandas sobre o sector do viño presentadas á Conselleira do Medio Rural e Mar

O pasado día 5 de xullo, representantes da Federación Rural Galega FRUGA, encabezados polo seu presidente Xurxo Álvarez Pérez, presentaron diante da Conselleira do Medio Rural e Mar Rosa Quintana un documento sobre propostas de iniciativas e demandas de actuacións no agro e rural do país, entre entre as que hai un espazo adicado ás cuestións necesarias de acometer no sector vitivinícola e que foron as seguintes:

Demanda de actuacións no sector do viño

Sobre o sector do viño desde a Federación Rural Galega se trasladan as seguintes cuestións de importancia á Consellería de Medio Rural e Mar (CMRM en diante). O sector vitivinícola a nivel galego constitúe unha importante pola do noso tecido agrario. Con máis de 20.000 explotacións e 25.000 has que se espallan entre 5 DO, 3 IXP e outras zonas de tradición como o Val do Navia, Litoral de Pontevedra e a Baixa Limia entre outras. A produción total que refrexan as estatísticas acada os máis de 210 millóns de quilos de uvas dos que menos da metade van amparados baixo algunha cualificación de DO ou IXP. A facturación total do sector supera actualmente máis de 150 millóns de euros que supuxeron un aumento continuado dos últimos anos, en concreto case o 100% nos últimos 8 anos, o que indica o forte dinamismo sectorial, máxime no actual momento do comportamento do ciclo económico xeral. E alén disto un sector moi ben articulado dentro das súas diferencias territoriais como mesmo da capacidade comercial, xa que as máis de 400 adegas de viños de calidade permiten cubrir diferentes mercados e nichos de consumo.

A grandes cifras non poden agachar os problemas, que hai, e algúns sen resolver desde hai tempo, que amosan as tremendas dificultades ser viticultor ou viticultora hoxe en día. E por iso que a FRUGA expón á CMRM o seguinte:

Viñedos de Monterrei. Fonte AGV

Posicionamento diante da reforma da OCM do viño

Na última reforma da OCM do viño do ano 2009 se acometeron importantes cambios na xestión do sector vitivinícola que outras cuestións contempla a liberalización de dereitos de plantación no horizonte 2015-18, a CMRM e a propia Xunta de Galiza deberían tomar posición claramente en contra desta mal chamada “liberalización”, e consonancia co que se teñen manifestado o noso sector, xa sexan os propios Consellos Reguladores como tamén as Asociacións Profesionais e Organizacións Agrarias. Hai un bloque importante dentro da UE que aposta por manter o modelo das Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas, que se debe manter e reforzar. Neste sentido a posición do Goberno do Estado ten sido ambigua e confusa, por tanto é claridade e firmeza que demandamos da CMRM.

Sobre o actualmente vixente na OCM do viño a FRUGA quere trasladar as seguintes demandas:

  • Investimentos en estruturas de comercialización no exterior,
  • Mellora da de montaña (a través do desenvolvemento rural),
  • Mellora na formación de persoal especializado
  • Reestruturación e reconversión do viñedo
  • Apoio a liñas de produción diferenciadas (Produción Integrada, Viticultura Ecolóxica, Novas Zonas, etc.)
  • Apoio a imaxe das DO e IXP
  • Manter o sistema de dereitos de plantación
  • Favorecer e apoiar as feiras de promoción
A viticultura de montaña na zona de Amandi. Fonte AGV

A reforma da PAC e o réxime de pagamento único á viticultura

Dentro da perspectiva da reforma da PAC diante do horizonte 2014-2020 se ten previsto a inclusión da viticultura no réxime de pagamento único, o outro sostén da PAC, o desenvolvemento rural contemplará medidas importantes para o noso sector para consolidar o modelo de calidade das nodas Denominacións e IXP. A CMRM ten recortado e debilitado as posibilidades do segundo pilar da PAC no que respecta ao viño, como pode ser o apoio á viticultura de montaña (infraestruturas e incorporación de novas adegas), innovacións en produción integrada e ecolóxica, enoturismo, etc.

Demandamos pois que a CMRM teña un plan para esta nova PAC no que se cambie radicalmente a filosofía adoptada nestes últimos anos de recortes inaceptables en liñas básicas de apoio ao noso modelo de viños de calidade e que non van en consonancia coa importancia crecente que do súa dimensin social e económica.

Aplicación do Decreto 256/2011: Rexistro Vitícola e Dereitos de plantación

A Xunta de Galiza tivo parado durante moito tempo a reserva de dereitos de plantación, que no básico tentaría manter o potencial histórico da viticultura galega, eses dereitos que se foron perdendo por mor do abandono agrario e as actuacións públicas en infraestruturas viarias ou hidráulicas levaron a un importante estrangulamento de novas iniciativas que puideron xurdir nas úlitmas décadas, sobre todo en zonas óptimas dos territorios do interior do país, ou da chamada viticultura de montaña. Fronte á especulación pura e dura que primou no tráfico de dereito das reconversións feitas no inicio de século se ten que artellar o instrumento básico de ordenación vitícola como é o Banco de Dereitos.

A dotación do Banco non debe vir exclusivamente nos abandonos que se detecten nas revisión dos Rexistro Vitícola se non que se debe negociar a incorporación de dereitos que xa contemplaba a administración do Estado como as últimas OCM do viño. Galiza non foi nin é excedentaria no viño, embotella a grande maioría do viño incluído en DO, non precisou nunca de mecanismos de regulación de mercados como a destilación, conversión a mosto, inmobilizacións, etc.

Viñas en Alongos no Ribeiro. Fonte AGV

A reserva de dereitos galegos ten que facilitar a recuperación de amplas zonas históricas de grandes posibilidades de vinificación de calidade como poden ser principalmente as cuncas interiores do Miño, Sil, Támega, Navia e Limia. Tamén é necesario preservar a reconversión varietal de amplas zonas do litoral que teñen unha presencia importante de variedades de uva en base a Híbridos Produtores Directos (HPD).

Este Banco debe primar a incorporación de novas explotacións, sobre todo entre xente moza, en zonas deprimidas economicamente (como o a provincia de Ourense e Lugo) e cara a potenciación de viños con atractivo potenciado pola diferenciación territorial e varietal como o manexo sostible do medio. Os repartos de dereitos deben contemplar topes por explotación que eviten proxectos que procuren unha especulación económica que desestabilize o equilibrio de oferta e demanda de zonas concretas.

O instrumento do Rexistro Vitícola debe ser dunha vez convenientemente revisado e poso ao día coa suficiente dotación de medios humanos e materiais para que se poidan facilitar todo tipo de xestión por parte dos viticultores-as así como a planificación e control que teñen que efectuar os órganos de xestión e certificación dos Consellos Reguladores vínicos.

Axudas á reconversión

As axudas á reconversión varietal e reestruturación deben continuar nesta e próximas campañas por que non se rematou aínda os cambios cara unha viticultura diferenciada e de calidade como poden ser nas zonas costeiras coa presencia de superficies de HPD como as ribeiras de Arousa, Salnés, Morrazo, Betanzos e outras. No que respecta as zonas do interiores tamén hai unha presencia excesiva de variedades autorizadas non preferentes de palomino fino e alicante bouschet no Ribeiro, Valdeorras e Monterrei que aínda lastran o crecemento do noso sector.

As novas axudas á reconversión e reestruturación deben contemplar os topes por superficie agás as actuacións da economía social ou veciñal que agreguen viñedos en favor de economías de escala no que respecta á xestión e mecanización en zonas de risco de abandono.

Mesa do Viño na DO Rías Baixas. Fonte Vino Gallego

Mesas de negociación do viño

A actual CMRM non ten continuado na política decidida da administración anterior de favorecer os acordos interprofesionais na compravenda de uva dentro do ámbito das DO galegas. Salvo a actualización do contrato de Valdeorras, con case nula posta en práctica, non se anovaron novos contratos, como é o caso de Rías Baixas, Ribeiro e Ribeira Sacra. A CMRM actúa como ente de interlocución e arbitraxe así como a capacidade de articular medidas que favorezan o asinamento de acordos. As consecuencias desta pasividade da administración levaron a que non se puidera avanzar no Ribeiro e Rías Baixas, onde por tradición e repercusión social os acordos sempre trouxeron estabilidade e control nos prezos.

A baixada nos prezos da uva afecta a viticultores-as como tamén a adegas que posúen viñedos ao rebaixarse o valor patrimonial e favorecerse a competencia desleal de quen compra uva exclusivamente no “mercado libre” e case sempre con condicións de control que raian ás veces na ilegalidade. A precariedade das condicións de negociación da uva na época de vendima no que respecta aos produtores-as leva á proliferación de abusos, desconfianza dentro do sector e a unha presión alimentadora dos aumentos de rendemento e que co tempo provocará a baixada xeral da calidade dos viños así como da súa facturación.

De feito hai situacións que se poden nomear como “explosivas” no que respecta o agrandamento de existencias de viño e o que suporía na compra.

Acto de promoción coa Emoción dos Viños na Catedral de Tui. Fonte AGV

Apoio á promoción e consellos reguladores

Nos últimos anos se constatou unha redución importante nas partidas adicadas a promoción en control nos respectivos órganos pertencentes aos Consellos Reguladores, nalgúns casos as reducións chegaron a máis do 50%. As consecuencias xa se aprecian nas dificultades para continuar o forte impulso de promoción e exploración de mercado emerxentes tanto no Estado como no exterior, asemade aumenta a percepción de agravios comparativos entre Denominacións ao non partir todas coas mesmas posibilidades e recursos.

Novo Regulamento do Ribeiro

Antes da vendima do ano 2011 se aprobou por parte do Consello Regulador da DO Ribeiro un novo regulamento que puña fina máis de 50 anos de anacronismo normativo no que significa sitúa a histórica DO no contexto de modernidade e de calidade que lle corresponde. Este regulamento que xa tiña que ser posto vigor na pasada vendima está a experimentar atrancos de natureza confusa por parte da CMRM e está a adiar un instrumento imprescindible para o funcionamento presente e futuro da DO Ribeiro.

Recoñecemento da realidade furancheira

E necesario dunha vez que a actual CMRM teña por ben recoñecer a realidade social e vitícola que supón a existencia da figura do furancho. Neste sentido se debe dar a posibilidade de desenvolver e mellorar o Decreto 116/2008 así como coordinar as actuacións doutros departamentos da Xunta de Galicia como a area de Turismo para que se normalice a relación cos interlocutores destas explotacións vitivinícolas nas diferentes bisbarras do país. Sobre todo acabar recoñecendo a súa importante contribución á historia, tradición e desenvolvemento enoturístico.

O val do Navia en Negueira de Muñiz. Fonte AGV

Creación e ampliación das IXP de Viños da Terra

A figura da IXP de Viños da Terra aínda non está suficientemente favorecida para que precisamente as zonas onde teñen esta cualificación poidan dar ao paso dunha futura DO. A CMRM pode e debe acometer medidas de consolidación das actuais IXP así como dar cabida a zonas de indubidable tradición e historia vitícola como poden ser o Morrazo e as Riás de Vigo e Pontevedra, Mondariz, Val do Louro, Val do Navia e a Baixa Limia, así como aquelas zonas de interese que non nos poidamos permitir perder para o noso potencial vitícola.

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

Deixa un comentario