Redescubrindo Negueira de Muñiz: 1ª parte

En Negueira de Muñiz aconteceu un certo experimento en dúas direccións, por unha banda nun sitio, un pouco esquecido, unha xente coñeceu de primeira mao as posibilidades da organización técnica e económica na viticultura así como a posible incorporación ao sistema galego de denomininacións de orixe e indicacións protexidas; Noutra banda a viticultura galega ollouse no espello desta penúltima fronteira, os consellos reguladores, a administración, os técnicos, a enoloxía e cata, as cooperativas, as empresas, os furancheiros, o enoturismo, etc. Houbo un certo repaso disto coas oportunidades e  limitacións que conlevan.

E comezamos coa primeira mesa: A viticultura en Negueira de Muñiz onde tras a presentación de Salva por parte dos veciños do lugar, deuse paso aos intervintes: Franciso Rego Martínez (Responsable de Viticultura da EVEGA), Roberto Regal López (Enólogo e Asesor vitivinícola) e Xosé Manuel González Vilas (Técnico da AGV). Esta primeira mesa tiña por obxecto facer unha radiografía moi sintética das posibilidades da zona e que se debería por en destaque á hora de programar accións.

Francisco Rego no centro, á esquerda Xosé Manuel González Vilas e á dereita Roberto Regal López

Francico Rego abriu as Xornadas cunha exposición sobre as posibilidades da  variedade Branca Lexítima (ou Branca País) como bandeira de presentación en Negueira de Muñiz e por extensión á Cunca do Navía, falou tamen das outras castes ancestrais que estan implantadas na zona e que a entroncan coa variedade de castes doutras zonas galegas, portuguesas e asturianas, o complexo varietal que ten a súa orixe na antiga Gallaecia romana.

As castes ancestrais galegas, das que por sorte bastantes delas puideron salvarse da extinción ,  a pesares  da irrupción das pestes americanas a partir de mediados do século XIX (oidio, mildio, philoxera e black-rot), son un tesouro que debemos conservar para a posteridade.

Seleccionadas  polos viticultores ao longo dos séculos,  ademais de padecer os efectos das  pestes americanas, foron sustituidas por viníferas traguidas de fóra, de inferior calidade ou tamén por hibridos produtores directos.
Reducidas a unha mínima presencia, cando non extintas, desde finais do século XX por fortuna, comezou a lenta recuperación dalgunhas das sobreviventes.
Estas, co paso do tempo, foron demostrando a sua grande categoría,  recoñecida en premios nacionais e internacionais.
Este feito ten sido enormemente positivo, mas aínda faltan moitas castes ancestrais por dar a coñecer, de entre as que é ben seguro  que haberá unha alta porcentaxe que aportará novos matices, diversos e enriquecedores, a maiores das boas cualidades que xa lle son recoñecidas ás  que primeiro se foron recuperando.
E aínda  aquelas que nun principio parezan ter menos interés para os gustos de hoxe, poderán resultar de utilidade  en tempos futuros,  según vaian variando as modas de consumo ou o clima.

Un bon grupo de entre estas castes  que podemos chamar ancestrais ou autóctonas está esparexido por un territorio  que aproximadamente coincide coa antiga  Gallaecia  Romana ou incluso co Reino Suevo. (ver fotografías da presentación)

Cepa de Branca Lexitima

Así, non é difícil atopar castes antigas da Galicia actual que tamén existen, cos  mesmos nomes  ou con sinonimias,  no occidente de Asturias, de Castela-León e/ou no Norte de Portugal. Isto parece indicar que en tempos pasados houbo unha activa intercomunicación entre as xentes que poboaban estes vellos reinos

O caso do Branco Lexítimo parece corroboralo.
Actualmente  é posible encontrar tanto viñas instaladas como vellos exemplares soltos desta variedade,  marchando de Este a Oeste:
-Nas terras asturianas do alto Narcea, onde recibe o nome de Albarín Blanco
-Nas ribeiras galaico-asturianas do alto  Navia, onde, según lugares,  lle dan os nomes de Branca del País ou Verdín Blanco
-Nas terras de Betanzos, onde  é coñecida como Branco Lexítimo ou País Lexítimo
-No Norte da Ría de Arousa e algún reducto da de Noia, onde leva  o nome de Raposo


Ademáis, atopáronse algúns exemplares  centenarios e solitarios desta  variedade,  nas seguintes localizacións:
-Na Ribeira Sacra, na banda  luguesa do Cañón do Sil, na viña A Cividade (Concello de Sober). O propietario, a pesar da súa idade, non sabe cal era  o nome local da caste. Tal vez fosen as peculiaridades  mesoclimáticas do lugar, que máis que unha viña tradicional en forte caída,  realmente é un precipicio ben exposto ao sol, cun conglomerado de pedras e penedos (onde se aproveitaron as fendas ou resquicios para espetar por  alí as videiras), que contribue a crear   un ambiente mui seco, as  que axudaron a  preservar esta  planta ante os ataques dos fungos que noutras condicións lle terían sido letais.
-Na Baixa Limia, en Lobeira, moi perto da raia Portuguesa. O propietario, un Sr. de moita idade, deulle o nome de Temperá.
Do Norte de Portugal, de momento,  non hai noticias de que teña aparecido algún vello  exemplar desta variedade. Nas listas dese país figura  unha caste co  nome de Raposo,  pero polo que me informaron parece que non ten nada a ver co Branco Lexítimo.

Todos os indicios apuntan pois a  que  o Branco Lexítimo tivo que  estar moito máis extendido no territorio antes da debacle causada pola entrada do oídio e as outras pestes americanas que  sucesivamente foron causando a devastación.

Podes descargar a presentación completa en:

Presentación de Francisco Rego en pdf

A Viticultura no Río Navia. Por Francisco Rego Martínez en pdf

Roberto Regal, que aparte de enólogo experimentado tamén é viticultor na Ribeira Sacra e dunha familia de moitas xeracións adicada ao cultivo da vide, pasou a dar algunhas chaves a ter en conta para a zona de Negueira no que respecta ao desenvolvemento vitivinícola. Xa polo pouco que puido observar é que a zona en sí non é extensa territorialmente, e ante todo singular, a súa situación xeográfica, as pendentes das ribeiras, o microclima, as variedades propias como a Branca Lexítima, todo iso fai moito en favor de “vender” viños singulares con variedades singulares. O mercado a onde dirixir as produccións é moi específico, xente que apreciará o lugar pola súa sensación de lugar distante, será por tanto un público consumidor máis esixente, viños ao fin de rendementos moi controlados xa que nunca serán grandes cantidades. Todo o anterior debe ser coplementado cunha oferta do turismo que poida atraer a natureza privilexiada da zona. Resumindo; Sitio pequeno, castes menos frecuentes, producións controladas e pequenas, nicho de consumo moi específico e turismo.

Xosé Manuel Gonzalez pasou a relatar ao avance dun estudio sobre o contexto xeográfico, ecoclimático e histórico sobre a viticultura da zona de Negueira de Muñiz e por extensión os arredores da cunca do Navia.

Este estudio aproximativo á realidade pasada acutal e prospectiva do futuro vitinícola ten como obxecto situar as bases físicas e económicas onde deseñar accións para desenvolver o potencial vitivinícola de Negueira de Muñiz e arredores. As institucións que por agora participan son os veciños de Negueira de Muñiz organizados entorno a súa Asociación para a Protección das Castes Autóctonas de Negueira de Muñiz, o Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales, a Oficina Agraria Comarcal da Fonsagrada e a Asociación Galega de Viticultura, esperemos que endiante se sumen máis apoios para este complexo desafío.

Envase do Canado de 5,8 litros, unidade volumétrica histórica na zona

Unha das cousas que chamaron a atención foron as poucas referencias de carácter histórico-bibliográfico sobre o cultivo da vide na zona, mesmo se falamos de estudios moi coñecidos de xeografía da vide na Galiza. Hai que citar ao impagable Huetz de Lemps, que na súa monumental “Vignobles et Vins du Nord-Ouest de L’Espagne” fai algunhas citas sobre a vitivinicultura do Navia tanto na parte galega como asturiana. E así se puido saber que as viñas no Navia veñen de moi lonxe, no sećulo XVII hai viñedos na Parroquia de San Román en Cervantes, tras os andazos da filoxera, o alagamento do val polo encoro de Salime, a emigración e especialmente as dificultades físicas que tiveron as xentes de Negueira para poder mandar os viños fora fixeron que os viñedos actuais non superen as 12 Has en Negueira, habería que sumar o que hai na Fonsagrada, Navia de Suarna e Becerrea.

Segundo un estudio ecoclimático de Hernaez Mañas, Negueira de Muñiz esta situada nunha zona de potencial semellante ás que hai no complexo Miño-Sil e Támega.

As curvas que ofrece o curso do Navia permiten unha ampla posibilidades de orientacións que sumadas as diferencias de pendente e altura permiten alternativas na escolla de castes e elaboracións, a altura máxima se considera nos 400 m, xa que o río esta sobre os 200 de altitude. As terras amosan unha presencia de esquistos e lousas con presencia de arxilas que lle dan certa frescura e aporte de mineralidade aos viños, en xeral fracos e pedreguentos.

Solos típicos de Negueira
Mapa de pendentes e altitudes. Por José Luís Romero Rego, OAC Fonsagrada.

Que facermos?

Primeiro aproveitar e optimizar o que hai: con que variedades, é preciso enxertar…cambiar formas. É posible. A mellora da vinificación en cantidade ou calidade, ou ambalas dúas cousas. Onde vender, manter o que hai ou ir máis un pouco máis lonxe.

Segundo afrontar unha certa expansión amparada por un novo marco institucional de IXP ou mesmo de DO; Como ventaxas a menor presión do uso urbanístico, menor expectativa de demanda; A desventaxa, máis dificultade en valorizar o vio se non teñ coñecen e por tanto de encamiñar diñeiro e xente (viticultores, enólogos, técnicos, empresas de servizos)…polo que esta expansión debe ser moi planificada. A estructura social-empresarial onde pode acabar: adegas pequeno-medianas tipo SAT ou SL, pequenas-medianas cooperativas, etc. E a posibilidade de traer xente de fora, emprendimetos foráneos, hai que ofertar moi ben o territorio, coas posibilidades do intercambio de información a nível global qu permiten as TIC. Como se pode conxugar con outros esforzos: turismo, festas, actividades complementarias. Ao final de onde virán os escasos recursos: dos aforros da xente, doutros ingresos (empregos, pensións), prestamos? Diñeiro de fora?

Faríamos unha estratexia a cantos anos: 4-5 de actividade moi intensiva ou de 10-15 anos con obxectivos claros aínda que revisables e que impliquen recursos pausados. De todos xeitos se non se loita, para que vivir? Que alternativas hai mellores?

CONTINUARÁ

 

 

 

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter

Deixa un comentario