Promoción dos viños galegos en Ourense

Detalle da cata de iniciación do 1º día

Tivemos a comezos de xuño unha cita nova coa nosa Campaña de Promoción dos Viños Galegos, esta vez na cidade das Burgas. Como noutras ocasións oficiou Fernando Rodríguez Pequeño a iniciación do primeiro día no que os asistentes/as aprenden as técnicas básicas. Os 25 anotados nestas xornadas puderon deleitarse cos xenéricos dos Consellos Reguladores no 2º día no que se contou co enólogo Roberto Regal López, tamén asistiu a técnica do Departamento de Promoción Marta Fernández, cataronse 4 xenéricos brancos das DOs Monterrei, Rías Baixas Ribeiro e Valdeorras e 4 xenéricos tintos das DOs Monterrei, Riás Baixas, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras.

Desde logo a calidade destes xenéricos destacou nunha liña ascendente se comparamos co ano pasado que pode respostar ao propio ano como a selección que se faga do viño que representa ao Consello Regulador, lembrar que estes viños non se poden mercar e só van destinados a actos de promoción, non se publicita o nome da adega elabodora.

Seguindo pola esquerda Roberto Regal, Jorge Cardoso e Marta Fernández

Nestes xenéricos non sorprerderon os brancos, o que algúns non esperaban era a altísima calidade dos tintos que se cataron, e na que se apreciaron as diferencias na elaboración que se podía intuir trás probar o viño.

De todos xeitos o 3º día resume moi ben no que se pretene trasmitir ao publico, xa que se presentan viños por parte dos seus elaboradores, e o painel nesta ocasión non tiña desperdicio como tampouco o tiña o catador Luís Paadín por parte da Asociación Galega de Catadores. Luís introduciú ao público na necesidade de coñecer os nosos viños, e tomar consciencia das súas diferencias e singularidades con respecto ao outros afamados viños da península, tamén comentou sobre o papel importante dos hosteleiros verdadeiramente profesionais que “venden” o viño a uns consumidores que aínda descoñecen moitas das posibilidades que ofrece o sector as centenares de marcas existentes no país.

O primeiro viño foi o Ribeiro branco Abadía de Virmadeus 2009 da adega do mesmo nome e que esta situada no concello de Cenlle, de feito este é un dos seus primeiros viños ao ter inaugurado recentemente as súas flamantes instalacións entoturísticas no pobo de Cenlle, presentou o viño un dos socios da adega, Manuel Seone e que apelou aos asistentes/s a que apoiaran a economía local do rural do Ribeiro. O viño é un plurivarietal de torrontés, loureira, godello e treixadura e comentar  como curiosidade que a cruz de malta que aparece na etiqueta fai referencia a presencia histórica das ordens militares  que na Edade Media tiñan a súa presencia no Ribeiro.

Luís Paadín presentando o Ribeiro Abadía de Virmadeus

Despois do Ribeiro nos achegamos a ría de Arousa cun viño da nova IXP Viños da Terra de Barbanza Iria, en concreto o branco Xirpín 2010 e que elabora Antón Saborido de Boiro. Antón comentou a súa andaina desde o profesión do mar ata o traballo na terra da súas viñas. O viño en cuestión é un plurivarietal co “espíritu do Albariño, alma do Godello e o corazón da Raposo”. Desde logo esta zona dará que falar se van adiante diversos proxectos para aumentar os viñedos actuais, por agora hai que “conformarse” con 3 excelentes elaboradores que xa sacaron as súas marcas en brancos e tintos e na que se pode salientar os esforzos por recuperar castes como a Raposo (nome local da Branca Lexítima), recentemente esta variedade foi proposta para incluír no listado de variedades preferentes galegas.

O Xirpín de Antón Saborido
Antón Saborido

Rematando cos brancos procedeuse a presentar o Morgadío Albariño 2010, nesta ocasión o viño en cuestión resultou apropiado falar do seu elaborador Jose Luís Méndez (Administrador do Grupo Campante), o seu enólogo Roberto Regal e o seu viticultor Antonio Álvarez Suárez (copropietario das magníficas 40 has de viñedo en Crecente e Arbo), poucas veces se atopa unha sinerxia tan compenetrada entre empresa, técnica e viña cando non están nas mesmas maos. De feito Antonio leva máis de 30 anos ao seu lombo traballando con paixón as cepas en cordón descendente (unha forma case desaparecida) e tentando mellorar e sobre todo regulando rendementos con firmeza (fácil pero difícil).

Presentación do Morgadío 2010

Nos tintos inicióu José Luís Mateo co Quinta da Muradella Caiño Redondo 2008, esta rareza vínica non resulta tanto se se coñece ao seu viticultor-elaborador que leva anos traballando ata o límite unha viticultura esforzada en favorecer a natureza da terra, neste caso na DO Monterrei, ” a chave esta na materia prima, a elaboración é secundaria”. Falou cun ton sereno José Luís dos seus inicios e nas súas reflexións profundas no que é conxugar castes e terra, de certo”estou agoran nun proceso de desestructuración do meus viñedos para voltar a reestructurar”. O Caiño Redondo resultou sutil e complexo, agrandando co tempo na copa, desde logo un viño estrela entre unha constelación de elaboracións da Adega Quinta de Muradella (adega xa sitúada entre as nosas “top” no que respecta a recoñecemento e prestixio).

José Luís Mateo na súa intervención

Duse  paso  a unha muller da que seguro veremos en máis ocasións, María Purificación Parada Rodríguez, ou Puri, presentou o Val do Frade Mencía 2010, e que ten de curioso esta adega, pois que resultou do esforzo de cooperación entre 6 elaboradores diferentes que antes vendían o viño coma “sempre”, e puxeron unha mesma marca para as súas colleitas, desde logo non hai moitos  casos distos pola nosa xeografía se facemos excepción de sociedades e cooperativas. O viño resultou rotundo e cálido, unha tarxeta de visita da zona de Vilachá na Pobra de Brollón na Subzona Quiroga Bibei da Ribeira Sacra.

Puri co Val do Frade Mencía 2010

Para rematar a ronda oficial presentou Luís Trincado o seu Ribouzo 20010 Mencía, a adega Ribouzo esta situada en Valencia do Sil no concello de Vimartín de Valdeorras e tamén resulta un caso nada infrecuente de sacar as cousas adiante como sexa, cun enfoque sociolóxico comentou o Luís que son varios irmaos, e que ningúen vive disto, e aínda que levan anos coa adega as dificutades non cesan, “facemos o que podemos”, un resumo da nosa viticultura verdadeiramente heroica.

Luis Trincado e o Mencía Ribouzo 2010

E como guinda, xa fora do programa, procedeuse a degustar a xoía da coroa do Ribeiro, no que son os seus viños tostados, neste caso o Tostado de Costeira 2007, un viño “naturalmente doce”, e que en palabras de Luís Paadín non se “coparte”, imaxinamos polo seu prezo un pouco disuasorio, de feito Paadín comentou que este viño esta dentro da familia europeos dos grandes viños naturalmente doces como o Sauternes de Bordeaux ou o Tokai de Hungría, ” o que máis se pode asemellar é o Provolone Valdpadana do Trentino (norte de Italia)”, e desde logo nada que ver con aqueles que forzan o proceso con ventilador ou outros trebellos.

Paadín cos prezados tostados diante

E así rematou a magnífica xornada e coa vontade de continuar e mesmo repetir en Ourense que é capital termal e tamén por privilexio de moitos e bós viños. Desde logo o público asistente apreciou as propostas que se fixeron onde houbo viños de todas as noas bisbarras coas 5 DOs e os Viños da Terra, os viños doces, viños do ano, en barrica, pluri e monovarietais, castes coñecidas ou rarezas, adegas pequenas e non tan pequenas, en sociedade ou en solitario,  hai onde escoller.

Detalle da cata do 2º día

NOTA DO ADMINISTRADOR: as datas que aparecen nas fotos son do 2011, é un erro de configuración da cámara.

Print Friendly, PDF & Email
  • email
  • Meneame
  • Chuza
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Twitter