A NOVA CONSELLEIRA DO MEDIO RURAL CONTINÚA A PRACTICAR A VELLA POLÍTICA DE PROMOVER A DIVISIÓN DO SECTOR PRODUTOR

561127a528d11-607_1284476343263

 

A Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego demanda da conselleira unha reunión urxente.

 

Santiago de Compostela, a 6 de novembro de 2015.- As organizacións agrarias integradas na Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego ( FRUGA, OPL, ORUGA, SLG e UU.AA), queremos pór de manifesto que a política seguida pola nova conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, sigue a pecar dos mesmos problemas que a da anterior conselleira ao teimar en dividir ao sector produtor.

 

O pasado 29 de setembro as persoas que actúan como portavoces da Plataforma presentamos un escrito dirixido ao Presidente da Xunta de Galiza no que se lle solicitaba, con carácter de urxencia, unha reunión para constituír unha Comisión de Seguimento do Acordo para a Estabilidade e Sustentabilidade da Cadea de Valor do Vacún de Leite.

 

A resposta a esta solicitude chegou o 15 de outubro por medio dun escrito da actual conselleira no que se nos comunica “que como conselleira do Medio Rural, estou pondo en marcha as actuacións oportunas que dean contestación ao plantexado no escrito.” É dicir nada concreto e de momento nada de recibir á Plataforma.

 

Os problemas do sector lácteo galego son moitos e a maioría están aínda pendentes de solución polo que se require unha actuación urxente por parte da Consellería do Medio Rural. O tempo pasa e o sector no ve solucións ás súas demandas. Os prezos do leite seguen a ser os mais baixos do Estado e non cobren os custes de produción, as relacións interprofesionais son unha asignatura pendente, e os compromisos adquiridos no Acordo aínda non se concretaron: decreto de garantías e modelo de contrato tipo.

 

As organizacións agrarias integradas na Plataforma demandámoslle á nova conselleira unha reunión urxente co obxectivo de formalizar definitivamente a constitución da Comisión de Seguimento do Acordo Lácteo de Madrid. Parécenos ben que se reúna con quen considere oportuno reunirse, mas o que non é de recibo é que a día de hoxe aínda non se teña reunido coa entidade que concita a unidade maioritaria do sector lácteo galego, a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego.

 

Por todo o anterior demandamos da señora conselleira que se poña maos á obra e que como di no seu escrito de contestación “poña en marcha canto antes as actuacións oportunas para dar contestación á nosa demanda” de constitución dunha Comisión de Seguimento, e como conselleira de todo o sector procure a unidade e non a división.