A Entidade Nacional de Seguros Agrarios (ENESA) ten previsto realizar unha suba das tarifas de retirada e destrución de animais.

A Federación Rural Galega – FRUGA manifesta a sua total oposición a esta suba por prexudicar gravemente ás explotacións galegas.

Sarria, 4 de marzo de 2024. A Federación Rural Galega – FRUGA, quere denunciar os planes de ENESA, organismo autónomo, dependente do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación, anunciados en datas pasadas, en relación cun aumento xeneralizado dos prezos de numerosas liñas de seguros gandeiros.

Desde ENESA e Agroseguro, refiren-se a liña 415 dedicada a retirada e destrución de animais, que segundo as súas estimacións presenta desequilibrios, e como consecuencia Agroseguro realizará unha subida das tarifas dun máximo dun 15%. Esta tarifa pode verse incrementada a maiores polos aumento de prezos de recollida das distintas empresas xestoras deste servizo.

A Federación Rural Galega quere deixar de manifesto a nosa total oposición á proposta de incrementar dos prezos deste seguro, entendendo que a recollida debe ser formulada como un servizo, e non como un seguro. Polo que calquera suba dos custos se alonxa do seu obxectivo.

Nos últimos anos, xa vimos observando sucesivos incrementos deste liña de seguros, o cal significa un incremento notable de custes para as explotacións gandeiras galegas. Tendo en conta que a recollida é obrigatoria, non é de recibo, que por parte das administracións se intente que os gandeiros e gandeiras galegas, teñan que asumir cada dia un maior custe desta liña de recollida. Realmente apostamos por un servizo público, xestionada polas propias administracións, sen que as ganderías teñan que costear a recollida de cadáveres obrigatoria.

Nos últimos tempos, estamos a observar como unha excesiva burocracia, está a dificultar a actividade agro-gandeira, ocasionando un importante problema para os titulares das explotacións. Se a isto lle engadimos un incremento dos custes de certos servizos obrigatorios, atopamos-nos con enormes dificultades para dinamizar a actividade gandeira na Galiza. Desde a FRUGA vamos loitar para evitar incrementos innecesarios, traballando na liña de conseguir un servizo que non repercuta nas ganderías galegas.