Lactalís e Leite Celta ameazan con baixada de 3 céntimos ás granxas que producen leite ecolóxico.

FRUGA considera inxustificada a imposición unilateral desta baixada, e avoga pola negociación do prezo do leite entre produtores e industria.

Os gandeiros e gandeiras galegas, produtores de leite ecolóxico, están recibindo toda unha serie de comunicacións e ofertas para os futuros contratos lácteos, nas cales se observa unha baixa de 3 cts de euro por litro. Actualmente soamente dúas industrias están a comercializar este tipo de produción, Lactalís e Leite Celta. Perto dun centenar de explotacións lácteas, van sufrir estas baixadas.

Desde FRUGA observamos como unha vez mais as ganderías de este tipo de produción vanse ver afectadas por unha baixada inxustificada, que soamente responde os intereses destas dúas industrias. Cando realmente non existía este tipo de produción, estas empresas dedicáronse a fomentar este tipo de produción, e unha vez conseguido o seu obxectivo que non era outro que cubrir as súas necesidades de mercado, agora optan por impor uns prezos de forma unilateral, sen que as explotacións teñan opción de negociar.

Observamos o que se ven repetindo no conxunto do sector lácteo galego nos últimos tempos, fixación de prezos de forma unilateral polos compradores, e aos gandeiros soamente nos queda a opción de asignar o que nos poñen enriba da mesa, porque do contrario deixarían de nos recoller a nosa produción.

Este tipo de producións, son de suma importancia no agro galego, tendo en conta, que as condicións físicas e climatolóxicas de Galiza, préstanse para o desenrolo da gandería ecolóxica. Se queremos manter un rural vivo temos que traballar activamente cunha agricultura e unha gandería compatible co medio ambiente e o mesmo tempo capaz de producir alimentos de calidade.

Nos últimos tempos vemos como este tipo de producións, van en continuo aumento como consecuencia da importante demanda que está a ter entre os consumidores. Boa parte das explotacións, son de recente incorporación a este de tipo de produción.

FRUGA considera que esta baixada de prezos é inxustificada, e desde logo vemos como estas ganderías inscritas no CRAEGA(Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica), non poden sufrir a imposición de prezos, senón que teñen que ser establecidos a través dun proceso de negociación entre produtores e industria, empregando uns criterios obxectivos capaces de fixar un prezo xusto.