FRUGA considera que a extinción da Axencia Galega de industrias Forestais (XERA) rompe a cadea Monte – Industria.

A súa extinción pode ser debida á presión do lobby da “eucaliptización”.

Cenlle, 7 de maio de 2024. O pasado dia 24 de abril o Diario Oficial da Galiza (D.O.G.) ven de publicar a extinción da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), pasando asumir os fins e obxectivos a Consellería de Economía e Industria a través do correspondente órgano de dirección, que dependerá da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, cando até ese momento estaba adscrita á Consellería do Medio Rural, mas con personalidade xurídica propia.

Desde a FRUGA queremos salientar a nosa preocupación polo camiño que pode tomar a partir de agora as políticas públicas ligadas co monte e as industrias forestais que até agora viña desenvolvendo a XERA, porque coa súa extinción rompe-se unha liña de traballo que enlazaba a cadea Monte – Industria.

Aínda que no momento da sua creación foi ligada á Consellaría de Industria, posteriormente foi transferida para a Consellaría do Medio Rural, o que ao noso parecer resulta o mais adecuado debido a relación tan grande que existe entre a planificación do territorio rural, neste caso o monte, e a industria e os sectores que desenvolven as súas actividades neste espazo.

Neste sentido é bon lembrar que esta Axencia tiña, entre outros, como eixos de traballo promover a concorrencia e diversificación do sector en aspectos como favorecer un controlo mais exhaustivo a propia trazabilidade dos produtos forestais como pode ser a madeira, castaña, resinas, melloras xenéticas, e outras.Así como a mellora do capital humano, a innovación xunto coa valorización e a diversificación.

Tamén desde a FRUGA nos preocupa a situación na que vai ficar o CIS-Madeira, xa que mediante Orde de 16 de xullo de 2018 a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA9 pasou a integrar tanto os medios persoais e materias deste centro de investigación e innovación autonómico CIS-Madeira. Con esta mudanza este sería o sexto cambio de organigrama e funcionamento desde a súa creación, polo que é mui difícil poder desenvolver proxectos vinculados as nosas madeiras e que estes podan reverter nas industrias do ramo, e en definitiva que repercuta na sociedade galega en xeral e en concreto no rural como sector estratéxico.

Até estes momento a XERA tiña definidos como obxectivos para potenciar o sector, impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudábel, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.

Ligado com un destes obxectivo estaba a elaboración do Decreto do Mercado Voluntario de Carbono Galego. A importancia deste proxecto sería de grande interese, xa que os e as propietarias poderían obter ingresos, e por outra daría-lles seguranza e confianza ás empresas que precisen mercar estes dereitos sen ter que acudir aos mercados internacionais. Por iso desde a FRUGA nos preguntamos que vai pasar con este Decreto.

Tendo de conta que os obxectivos desta Axencia era pular pola diversificación, a innovación e a valorización dos produtos do monte galego, a sua extinción fai-nos pensar que a sua desaparición pode vir ocasionada pola presión do lobby “eucaliptizador”, e mais se temos de conta o interese que a Xunta da Galiza manifesta a favor da instalación de unha nova celulosa como a que se quere implantar no corazón da Galiza, Altri.