A FRUGA esixe que se manteñan as axudas às explotacións extensivas galegas

Vacas nun pasto de Láncara

A Xunta ven de anunciar que incumprirá o compromiso de cinco anos que tiña adquirido coas granxas galegas acollidas ás axudas de produción das razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos

Lugo, 7 de xaneiro de 2013.- En abril de 2008, a Consellería do Medio Rural (CMR) do goberno bipartito, sacaba unha liña de axudas destinada ao fomento de produción das razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos, en concordancia coas políticas que recomenda a Unión Europea, é dicir, unha aposta por unha produción agraria máis acorde co medio natural e dunha produción gandeira baseada na alimentación dos animais con recursos naturais propios. Deste xeito, apoiábase por unha banda o aumento da calidade e da competitividade dos produtos agrarios, e por outra, fomentábase o desenvolvemento sustentable da actividade agraria e, xa que logo, ao desenvolvemento das áreas rurais e á fixación de poboación nas zonas máis desfavorecidas.
Deste maneira a CMR e os titulares das explotacións gandeiras asumían durante cinco anos unha serie de compromisos. Por unha banda os gandeiros comprometíanse desde o momento da solicitude a cumprir medidas como poden ser a de manter un programa hixiénico-sanitario supervisado polo veterinario responsable, un programa de alimentación baseado nos recursos
naturais, manter un número sustentable de animais por superficie ou a manter no 60% como mínimo a reposicións de animais da propia explotación. Tamén había requisitos de obrigado cumprimento ao cabo dos cinco anos, como pode ser o de chegar a un porcentaxe mínimo do 40% de reproductoras inscritas en libros xenealóxicos. Pola súa parte, a CMR comprometíase durante estes cinco anos ao pago dun importe de ata 156 € anuais por animal reproductor.
A Federación Rural Galega-FRUGA ven denunciando fai tempo que, unha vez que a Xunta de Galiza volveu a mans do Partido Popular, vense reducindo considerablemente o importe que recibían as granxas, iso si, sen que por iso viran modificadas os compromisos que tiñan que cumplir. Serva como exemplo a campaña do 2011, a cuarta dos cinco anos que duraría o
programa, onde as axudas sufriron unha reducción de media dun 45% sobre os importes marcados inicialmente.
Pois ben, despois de ter publicado a Xunta o pasado outubro a renovación destas axudas para a campaña 2012, hoxe parece ter mudado de opinión e publica unha nova orde na que deixa sen efecto as solicitudes de renovación que se fixeron en outubro. O motivo que argumenta para dar marcha atrás é que o Ministerio de Agricultura non fixo o ingreso oportuno.
Para FRUGA, este cambio de parecer en tan pouco tempo parécenos un insulto á intelixencia dos gandeiros e gandeiras galegas que asinaron a renovación desta axuda fai só uns meses e tamén evidencia que a Xunta de Galiza non ten unha política agraria propia, sempre esperando ás directrices do goberno central para actuar.
Parece que, ou ben Núñez Feijoo e Arias Cañete non se aclaran sobre cales son as necesidades do rural galego, ou que incluso, tanto un como outro, estiveran máis pendentes de promover os negocios que xiran en torno ás gandeirías de touros de lidia que en apoiar as gandeirías galegas.