FRUGA VEN DE INTERPOR RECURSO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO CONTRA A ORDE DA CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL SOBRE A APLICACIÓN DOS PAGAMENTOS DIRECTOS DA PAC PARA O ANO 2015.

Patricio Viveiro, avogado da FRUGA, Manuel Da Cal, coordenador xeral da FRUGA, e Elías Somoza, responsábel de sectores gandeiros da FRUGA
Patricio Viveiro, avogado da FRUGA,
Manuel Da Cal, coordenador xeral da FRUGA, e
Elías Somoza, responsábel de sectores gandeiros da FRUGA

 

 

 

FRUGA considera que con esta orde a consellería está a perxudicar ás granxas de leite da Galiza

 

Galiza, 11 de maio de 2015. A Federación Rural Galega – FRUGA ven de interpor hoxe recurso contencioso-administrativo contra a Orde da Consellería do Medio Rural de 10 de marzo de 2015 pola que se regula na Galiza a aplicación dos pagamentos directos derivados da nova PAC.

Tanto o Regulamento 1307/2013 do Parlamento Europeo como o Real decreto 1075/2014 nos que se establecen as normas aplicáveis aos pagamentos directos derivados da nova PAC permiten ás persoas solcitantes elixir os cultivos de inverno e primavera que van implantar nas súas leiras.

Na Galiza, e sobre todo nas granxas leiteiras, é habitual que sobre a mesma leira roten os cultivos de herba e millo. Implantase o millo entre os meses de abril e maio e recóllese entre setembro e outubro para a continuación implantar un cultivo pratense para ensilar entre marzo e abril do ano seguinte.

Pois ben, a Orde da Consellería que desenvolve a lexislación comunitaria e española restrinxe a liberdade de elección que permite a lexislación comunitaria e española ao impor que en todas as terras nas que se implante millo non se poda declarar outro cultivo distinto, cando tanto en Asturias como en Cantabria permiten que a persoa solicitante opte por declara millo ou herba segundo lle conveña a fin de cumprir o requisito exixido de as granxa de mais de 15 hectáreas contar con mais de dous cultivos, non podendo superar o cultivo principal, neste caso o millo, mais do 75% da terra de cultivo e o segundo cultivo, os prados, mais do 20%. Así unha granxa de 100 hectáreas que bote todas a millo, pode declarar, en Asturias e en Cantabria, 75 a millo e 20 a prado, poren na Galiza está obrigada a implantar so 75 ha a millo e deixar 20 sen poder plantar porque se implanta as 100 hectáreas a millo non cumpriría a obriga de ter dous cultivos porque so se lle vai considerar un.

Esta obriga, segundo o estudo presentado por Gonzalo Flores, xefe do departamento de pastos es cultivos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, na 1ª reunión da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, celebrada o pasado dia 24 de abril en Mabegondo, afecta ao 35% das granxas leiteiras galegas, en particular ás de maior tamaño, o que se traduce que das 67 mil hectáreas dedicadas a millo forraxeiro, na Galiza, o 85% delas se van ver afectadas, é dicir 57 mil. Segundo este estudo isto vai supor unha perda de 187 euros/ha aos que, en moitos casos, temos de acrecentar entre uns 600 e 700 euro/ha que se están a pagar de aluguer.

Desde a FRUGA queremos manifestar o noso estupor perante o comportamento desta Consellería, sempre submisa ás políticas contrarias a Galiza ditadas desde Madrid, cando neste caso a lexislación estatal e europea lle permite liberdade de elección ao cidadán, esta imponlle o criterio mais restritivo e prexudicial para os seus intereses.

Ao optar a Consellería por obrigar a deixar o 25% da terra de cultivo sen botar millo, 57 mil hectáreas na Galiza, o que está a provocar é que aínda se encarezan mais os custes de produción nun sector, como o do leite, que está a atravesar unha grave crise de prezos. Este encarecemento aínda se pode pór mais en evidencia na próxima campaña, cando as nosas granxas padezan a falla de forraxes motivada por esta restrición. Necesidade que se vai ter que satisfacer importando millo forraxeiro de fora da Galiza, inicialmente en Castela-León. Deste xeito estase a favorecer a agricultura de fora da Galiza e prexudicando enormemente á nosa.

Por todo isto foi polo que FRUGA ven de presentar hoxe este contencioso-administrativo contra a Orde do 10 de marzo de 2015 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control da Consellaría do Medio Rural e do Mar.