A Asociación Galega de Viticultura (AGV) pide á Consellería do Medio Rural que demande perante o goberno de España e da UE a máxima celeridade no recoñecemento da IXP Ribeiras do Morrazo.

A aprobación transitoria só serve para comercializar os viños que se elaboren até que a Comisión Europea adopte unha decisión sobre a inscrición.

Pontevedra, 15 de marzo de 2017. A Consellería do Medio Rural ven de publicar, no DOG e BOE, a “Orde pola que se concede a protección nacional transitoria á indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo”.

Dende a AGV-FRUGA queremos mostrar a nosa satisfacción porque a citada Consellería, escoite unha vella demanda dos sectores implicados na posta en marcha da IXP Ribeiras do Morrazo, e que estaban a contemplar como a falta de impulso e apoio das Administracións autonómicas e estatais, poñían en risco certo a posibilidade de poder etiquetar viños da próxima colleita deste ano 2017 ó amparo desta IXP, de seguir á espera da súa aprobación final pola Comisión Europea, proceso que se pode demorar no tempo.

Nas corporacións municipais afectadas (Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela) xa estaban a producir mocións de renovación do apoio das mesmas á IXP Ribeiras do Morrazo é da esixencia que o Goberno de España asumira como prioritario o recoñecemento desta IXP e actuara en consecuencia diante da Unión Europea, esixindo á Unión Europea a máxima celeridade no recoñecemento definitivo da IXP. Mocións que no caso de Pontevedra e Poio xa foron aprobadas recentemente por acordo Plenario da súa Corporación.

A creación dunha IXP de viños para a contorna das rías de Vigo e Pontevedra, é unha vella demanda da viticultura da zona, que reivindica un espazo propio nas denominacións de calidade dos viños galegos A AGV-FRUGA ten defendido, apoiado e aconsellado tecnicamente, desde o inicio aló polo ano 2013, ós distintos sectores, encabezados pola Federación de Furancheiros, Loureiros e Viticultores de Pontevedra, que apostaron e fixeron posible a posta en marcha da IXP Ribeiras do Morrazo.

A aprobación transitoria, realizada agora pola Consellería do Medio Rural, só pode ser empregada na comercialización dos viños que cumpran as especificacións do prego de condicións da IXP e ten como límite temporal a data na que a Comisión Europea adopte un ha decisión sobre a súa inscrición. Polo que sendo unha boa noticia para o sector, e sobre da que reiteramos a nosa satisfacción, xa que se vai a poder iniciar unha dinamización económica do sector vitivinícola, no territorio comprendido pola IXP, non nos pode facer esquecer que segue a ser necesario, e urxente, que a Administración acometa outras medidas imprescindibles para o sector nesta IXP: a actualización do censo vitícola, canles de apoio ós produtores que palien o abandono de viñedos, que faciliten a plantación de castes autóctonas, a formación e profesionalización do sector, a creación de adegas de colleiteiros, a difusión e o coñecemento dos nosos viños entre a poboación, etc.

Por todo isto a AGV pídelle á Consellería do Medio Rural que demande perante o goberno do reino de España celeridade nos tramites coa UE para que canto antes se recoñeza definitivamente a IXP Ribeiras do Morrazo.