CRAEGA volta deixar fóra a candidatura da FRUGA e “amaña” un proceso electoral sen eleccións

O presumíbel pacto a tres fará que por terceira vez consecutiva o Consello se “anove” sen pasar polas urnas

Candidaturas que terían incorrido nas mesmas circunstancias que anularon a da FRUGA son finalmente aprobadas polo Consello Regulador

Compostela, 7 de xullo de 2017.- Este domingo finaliza o proceso de renovación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica da Galiza (CRAEGA), proceso que debería rematar con a elección en urna dos e das representantes nos distintos sectores que integran o dito organismo certificador. Mas, e cando menos no sector que engloba ás produtoras e produtores vexetais, por terceira vez consecutiva, a representación do sector será previsibelmente, tal como temos denunciado anteriormente, un mero reparto de postos entre as formacións sindicais clásicas, malia desde a FRUGA ter presentado candidatura en tempo e forma.

A anulación da lista da FRUGA evidencia a dobre vara de medir do CRAEGA

A exclusión dos censos electorais dos e das produtoras que comercializan directamente as súas producións tería afectado a outra candidatura mais, aparte da presentada pola FRUGA, tal e como nolo fixeron saber integrantes da mesma. Ao igual que a FRUGA terían presentado un recurso solicitando a aprobación da súa lista, recurso que finalmente tería causado efecto. Non así o noso, contestado polo Consello facendo unicamente referencia à non aparición no censo de varias das integrantes, malia ter demostrada a súa actividade produtiva nas distintas inspeccións de campo desenvolvidas durante o pasado ano, ter as cotas ao día e cumprir con todas as obrigas e requirimentos feitos polo organismo certificador. Esta dupla vara de medir evidencia a clara predisposición desde o primeiro momento de evitar a nosa concorrencia e voltar a repetir un Consello de “caladiños/as” a semellanza dos anteriores.

Un proceso escuro do que moitas das e dos inscritos se están a enterar apenas catro días antes da súa finalización

Precisamente a raíz das denuncias públicas feitas pola nosa organización a través dos meios de comunicación que tiveron a ben recollelas e as redes sociais é que o groso dos e das inscritas no Consello souberon do proceso eleitoral, circunstancia que xerou un grande malestar ao entender que desde o CRAEGA non se fixo o mais mínimo esforzo por publicitar o proceso. Desde o proprio CRAEGA, a chamadas de produtores e produtoras interesándose e recriminando a súa actitude terían contestado que “hai que ler o DOG, que ben o mirades para saber cando hai subvencións”, eximíndose de toda responsabilidade na publicitación do procedemento electoral, prazos, lugar de exposición dos censos,… Só nesta semana, na que está a chegar a publicación trimestral do Consello, aparece a primeira referencia às eleccións, cando o proceso está practicamente fechado, as distintas candidaturas proclamadas, os censos xa non poden ser consultados e calquera reclamación aos mesmos é inútil…

Se pretendían deixarnos fora de xogo van conseguir o contrario

Desde o sector de produtores e produtoras ecolóxicas integrados na FRUGA seguiremos a reclamar un Consello Regulador que defenda os intereses dos labregos e labregas fronte a industria e a grande distribución, que pouco a pouco e con a complicidade das formacións pactistas se están a facer donas dun Consello cada vez mais alonxado da actividade agraria e quen a exercemos, utilizados e utilizadas apenas como reclamo publicitario para maquear a súa visión industrial e estritamente mercantil da agricultura ecolóxica galega.