Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2019.- Vía Galega – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza, creada en 2018, da que formamos parte xunto con outras 60 entidades de diferentes tipos e eidos: do sindical ao cultural, do ambientalista ao educativo, do rural ao estudantil, pasando por centros cívicos e sociais, da memoria histórica á música popular, etc., acordou o pasado mes de setembro iniciar unha campaña para denunciar o drama que supón a emigración, neste momento histórico, para Galiza.
Entre as actividades levada a cabo está a presentación dunha moción en todas as institucións representativas da Galiza: Concellos, Deputacións e Parlamento Galego, mocións que nalgúns concellos xa están debatendo e noutros está-se pendente da celebración dos seus plenos, así como nas catro deputacións. No Parlamento Galego debateu-se hoxe, a instancias do BNG, votando en contra o PP e a favor o resto de grupos parlamentares.
A continuación reprodúcese o texto da moción presentada:
Este vaise i aquel vaise,
e todos, todos se van.
Galicia, sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tés, en cambio, orfos e orfas
e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos
e fillos que non ten pais.
E tés corazóns que sufren
longas ausencias mortás,
viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará.
No poema Pra a Habana!, a nosa poetisa nacional, Rosalía de Castro, plasmou con especial sensibilidade o drama da emigración. Un drama non só persoal, senón tamén social e nacional. A emigración provoca desarraigamento, familias rotas e conduce tamén á desertización económica e á perda de horizonte de futuro dun país.
156 anos despois da publicación de Cantares Gallegos este drama dista moito de ser unha triste lembranza do noso pasado. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, nos últimos 10 anos (2008-2017 –últimos datos dispoñíbeis-) emigraron de Galiza 216.413 persoas con idades comprendidas entre os 16 e 54 anos, idades nas que se concentran a maior parte das persoas demandantes de emprego.
Nese período 79.529 persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 29 anos abandonaron o noso país. Mozas e mozos que ante a falta de perspectivas de realización persoal e laboral tiveron que coller a maleta para se gañar a vida fóra. Unha sangría para unha sociedade que criou e formou a unha xeración para que o seu coñecemento e o seu traballo contribúa ao progreso doutras sociedades en vez de reverter no país.
A emigración mesmo está a poñer en perigo a propia viabilidade de Galiza. O impacto da emigración é evidente no noso devalo demográfico e no avellentamento da poboación.
A poboación activa de Galiza (persoas entre 18 e 65 anos que están traballando ou buscan emprego) representa menos da metade da poboación total.
Na época na que Rosalía escribiu Pra a Habana! a poboación de Galiza representaba o 11,5% da poboación total do Estado español e a súa densidade de poboación duplicaba a media estatal. En 1900 a porcentaxe descendera ao 10, 64%, en 1950 situábase no 9,26% e en 2018 era só do 5,74%.
É dicir o peso relativo da poboación de Galiza no Estado español reduciuse á metade e en 2018 a nosa densidade de poboación situouse por vez primeira por baixo da media.
Algúns xa denominan a esta realidade “a Galiza mingüante” e se non lle poñemos remedio a esta sangría poboacional, significará a morte a medio prazo de Galiza como ente colectivo.
A condición periférica e subordinada da nosa economía, a destrución de parte importante da nosa base produtiva, a precariedade no emprego e a ausencia de políticas ambiciosas de igualdade e fomento da conciliación están na base do devalo demográfico do país e o aumento da emigración.
Por todo o devandito o Pleno do Concello adopta os seguintes acordos:
-Dirixirse ao Parlamento de Galiza para que tome en consideración a emigración como un drama social e nacional, conciba este problema como unha emerxencia nacional e outorgue prioridade ás políticas que ataquen as súas causas, instando á Xunta de Galiza a impulsar políticas que aseguren o dereito a un traballo digno na terra e creen as condicións para favorecer o retorno das nosas persoas emigradas.
Instar ao Parlamento de Galiza a constituír no seu seo unha ponencia sobre a emigración galega, co obxecto de que, no prazo máximo de cinco meses, estude e propoña as medidas e políticas necesarias para rematar con este drama que historicamente e actualmente golpea ao Pobo Galego.
-Deben ser eixos destas políticas:
– A defensa da base produtiva do país e dunha economía autocentrada, que mobilice os enormes recursos do país para xerar emprego e riqueza en Galiza.
– A creación de emprego digno e de calidade.
– O desenvolvemento de políticas sociais que aseguren a igualdade e favorezan a conciliación da vida laboral e familiar.
-O compromiso desde o goberno municipal con políticas que promovan e lle dean forza aos sectores estratéxicos e ao tecido industrial de Galiza, nomeadamente o agrogadeiro, forestal , marítimo-pesqueiro , enerxético e das TIC