Polo que estaremos atentos as posíbeis modificacións regulamentarias que se podan producir.
Sarria, de de xullo de 2023. Ultimamente teñen aparecida varias noticias en relación coa necesidade de proceder a facer certas modificacións no regulamento da IXP “Ternera Gallega”. En concreto está-se a falar da posibilidade de aceptar a inclusión de novas razas, de mudar a idade de sacrificio ou da homoxeneización das canais.
Desde a FRUGA consideramos que calquera tipo de mudanza regulamentaria que signifique cambios importantes ao final poden implicar consecuencias negativas para moitas ganderías. Este asunto, precisa dun debate sereno e en profundidade no que estean presentes todos os axentes implicados que a dia de hoxe están involucrados, tanto na produción como na comercialización desta carne de vacún.
Ao mesmo tempo queremos dicir que nos parece clave que as razas que formen parte da IXP “Ternera Gallega” deben de ser aquelas razas que conten con unha traxectoria histórica na Galiza e non calquera outra raza que procedente doutro lugar do continente apareza de súpeto e xa queira formar parte desta figura de calidade.
Estamos a falar dunha Indicación Xeográfica Protexida na cal non soamente se ten que ter de conta o modelo produtivo, senón que é preciso que o gado apto para abastecer carne amparada por este selo de calidade terá de pertencer ás distintas razas autóctonas, tal como recolle o regulamento actual e o prego de condicións, así como ás distintas razas cárnicas que conten cunha presenza no País ao longo do tempo.
No que respecta ao modelo de acabado da “Suprema”, desde a FRUGA temos claro que, unha vez mais, os ataques van contra esta categoría. Non se fala do acabado dos cebadeiros, porén este asunto, a debate, centra-se fundamentalmente nas explotacións tradicionais que comercializan baixo a categoría de “Suprema”.
Desde o noso punto de vista observamos como pouco a pouco están intentando conseguir unha suprema moi exquisita, deixando fóra un importante número de explotacións extensivas, e optando polas semi-extensivas, que fan a crianza en cortellos.
No acordo asignado en marzo do ano 2022 entre algúns dos axentes do sector, xa puidemos albiscar como se estaba intentado impoñer un modelo produtivo baseado única e exclusivamente nos intereses da industria. O obxectivo era claro contar con un pequeno número de explotacións que lle dean prestixio á IXP “Ternera gallega” a partir dun produto de calidade como é a “Suprema”, e por outro lado contar con un importante número de xatos que poidan ser sacrificados baixo este selo de calidade como tenreira galega normal amparando-se no prestixio desta marca.
Ante esta situación desde a FRUGA estaremos atentos a todo o que pode pasar, e a ver como se van a desenrolar as futuras modificacións regulamentarias, tendo en conta que a tenreira galega Suprema ten que ser o obxectivo principal da IXP, e non convertela nunha tapadeira para que outros fagan o seu negocio, utilizando a calidade que esta categoría aporta.