A Xunta mira para outro lado e deixa pasar unha nova oportunidade de estructurar o sector na Galiza
O capital francés segue a marcar o ritmo nun sector estratéxico para o agro galego.
PULEVA lucrouse con importantes axudas públicas para agora facer caixa coa venda das suas instalacións.
Lugo, 9 de Marzo de 2010.– No dia de hoxe consumouse a venda da division láctea do grupo empresarial Ebro-Puleva, implantado na Galiza através da planta transformadora de Nadela (Lugo), desde a que recollía o leite dun importante grupo de produtores e produtoras da Galiza. A beneficiária desta operación é a multinacional francesa Lactalis, propietaria xa de unha planta na provincia de Lugo, concretamente en Vilalba , e de outras repartidas por todo o Estado, como Central Leiteira Vallisoletana (Lauki), Prabasa e Forlasa, esta última adquirida recentemente. Na actualidade o grupo Lactalis é un dos catro grupos de maior tamaño do sector transformador no estado español, posición que se verá reforzada pola compra de Puleva.
Con esta operación aumenta ainda mais a inxerencia do capital francés no leite galego. Na actualidade xa unha parte importante da distribución (cun importante peso na fixación de prezos) está en mans do capital francés, agora o sector transformador leva o mesmo camiño. Hai que lembrar que o estado francés é amplamente excedentario na producción de leite. A cuota de Francia supera os 24 millós de toneladas, multiplicando por catro a do estado español. Ademais cumple un papel determinante no estabelecimento dos prezos pagados ás explotacións, xa que é habitual que se utilice como referencia para fixar o prezo da produción. Con esta operación estanse ademais adquirindo novas vias de comercialización dos seus excendentes, principal razón para a expansión dos grupos franceses fóra do seu território, toda vez que, como xa temos indicado, a capacidade produtiva francesa non precisa de importar leite, todo o contrario.
A FEDERACIÓN RURAL GALEGA TACHA DE IRRESPONSABEIS AO CONSELLEIRO DO MEDIO RURAL E AO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALIZA.
A venda de PULEVA é unha nova oportunidade perdida para conformar o tan demandado Grupo Lácteo Galego, reivindicación histórica do sector.
Unha das principais eivas do sector lácteo galego é precisamente a carencia dun grupo lácteo forte con capacidade de incidencia nos mercados.
A Xunta de Galicia non dixo nin fixo absolutamente nada para impedir a venda desta industria ao capital francés. Con este comportamento, a Consellaria do Medio Rural volta a demostrar publicamente o seu desinterese e desprezo polo sector lácteo, como ven de facer no proceso de compra-venda da factoria de Pascual en Lugo, apeando as principais cooperativas lácteas galegas.
No caso de Ebro-Puleva estamos a falar dunha industria que no seu momento recibiu diñeiro público (e, polo tanto, de todos e todas nós) e que con esta operación vai parar a un dos principais competidores que ten a producción de leite en Galiza.
Estamos diante dun duro golpe para un sector que está a atravesar unha das principais crises da súa historia, motivada polos prezos máis baixos existentes desde a decada dos 90, sen que nen tan sequer o Ministerio de Agricultura fora quen de facer respeitar os acordos por el mesmo propiciados. Crise que se ten levando por diante 1000 explotacións lácteas na Galiza no ano 2009.