LACTALIS RESCINDE CONTRATOS NO DEZA E DEIXA ÁS EXPLOTACIÓNS DESPROTEXIDAS E SEN GARANTIA DE RECOLLIDA.

Estanse a violar os acordos acadados en Madrid e Galiza para a xeralización dos contractos homologados.

Os contratos homologados son a única defensa e garantía de recollida e prezo dos que goza o sector leiteiro.

Descóbrese e confirmase  a manobra denunciada por FRUGA coa venda de PULEVA: a LACTALIS só lle interesa a planta de Nadela para procesar leite procedente doutras localizacións (Francia), abandonando as recollidas no País.

Lalin, 17 de Marzo de 2010.- No Outono do ano pasado, a empresa Lactalis comezou a asinar contractos homologados con unha duración determinada de tres meses cós produtores/as de leite socios da Cooperativa “Gandeiros do Deza”. Ese primeiro contracto foi rescindido posteriormente, rescisión que vén acompañada da apresentación dun novo contracto que contemplaba unha cláusula que permitía a rescisión do mesmo por calquer das partes. Ao longo desta semana, gandeiros e gandeiras socios da cooperativa  están sendo chamados por esta para proceder à anulación e rescisión do contrato estabelecido entre os primeiros e a empresa Lactalis. É significativo que nengun dos afectados e afectadas tivera aínda a día de hoxe copia dos contratos anteriores. Xá na sede da cooperativa, os e as convocados asinaran a rescisión do contracto en vigor, rescisión da que, novamente, non teñen copia, e no que, ao parecer, consta que é un acordo adoptado entre as partes (mutuo acordo), cando se trata dunha decisión unilateral da empresa en cuestión.

Desde a FRUGA denunciamos esta grave situación xa que o contracto é a única garantia de recollida da que gozan as explotacións de leite.

QUE AGOCHA LACTALIS

Desde a FRUGA estamos a detectar nos últimos días perigosos movementos no sector lácteo que están a levar à desprotección a un importante número de explotacións leiteiras da comarca do Deza e limítrofes, mesmo da provincia de Lugo, precisamente recén asinado o acordo de compravenda da división láctea de Ebro- PULEVA por parte de Lactalis.

Como xá denunciamos ao facerse pública esta operación, o sector leiteiro galego fica rendido a mans do capital trasnacional, o que podía ter como consecuencia precisamente o que agora parece que está a suceder: que esta empresa, de capital francés, utilice as plantas recén adquiridas para procesar leite barato excedentário das explotacións francesas, suspendendo así as recollidas na Galiza ou, no caso de mantelas, rebaixando significativamente os prezos pagados ao produtores/as utilizando como referencia o valor no mercado desde excedentes., todo isto diante da pasividade da Administración autonómica e central.

Desde a FRUGA recomendamos aos gandeiros e gandeiras chamados/as asinar estas rescisións contractuais a actuar da seguinte maneira: primeiro, solicitar copia do contracto en vigor que se pretende anular, xá que a día de hoxe carecen dela. Despois, a solicitar copia do documento de rescisión do contracto que, loxicamente, non se corresponde a unha decisión de “mutuo acordo” polo que non debe ser asinado de ningunha maneira. Con estes dous documentos a Federación pon à disposición dos afectados e afectadas as súas instalacións e o seu persoal para comprobar a legalidade da actuación e iniciar as accións necesarias para garantir o cumprimento do contracto e evitar este tipo de prácticas mafiosas que queren levar ao noso sector a unha situación de indefensión e desamparo de dramáticas consecuencias.