FRUGA APRESENTA AS SUAS ALEGACIÓNS AO CANON DA AUGA

Coa posta en marcha deste “imposto”, o PP afonda na sua política recadadora entre as clases mais populares e  traballadoras da Galiza.

Compostela, 23 de setembro de 2011.- Desde que tivemos coñecemento e acceso à nova normativa que en materia de xestión das augas estaba a elaborar o PP, a FRUGA amosou o seu rexeitamento a un texto que contén como novidade o gravame impositivo das traidas e pozos veciñais e particulares. Podes acceder as alegacións apresentadas a continuación:

CONSELLARÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS.

 

Alegacións ao anteproxecto de Decreto polo que se aproba o regulamento do réxime económico e financeiro do Canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais.

 

 

XURXO ÁLVAREZ PÉREZ , en calidade de Presidente da Federación Rural Galega – FRUGA, veño a medio do presente documento de presentar as alegacións ao anteproxecto de Decreto polo que se aproba o regulamento do réxime económico e financeiro do Canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas público de depuración de augas residuais.

A auga é un recurso fundamental no desenvolvemento da vida e resulta un ben limitado e escaso que convén preservar. Resulta preciso fomentar políticas de xestión e uso responsábel da auga que por unha parte garantan o subministro e por outra minimicen o impacto da actividade humana na calidade das augas. Mais establecer unhas taxas (canon da auga e coeficiente de vertido) que gravan por igual a quen non son iguais non semella a mellor das solucións. Resultaría máis efectivo a redacción e execución dun Plan Hidrolóxico que contemplase accións de mellora de infraestruturas, depuración e xestión de concas, así como actividades de concienciación e educación fomentando o uso e consumo responsábel da auga. O anteproxecto de Decreto que se nos presenta en ningún momento procura a racionalización do consumo, non introduce ningunha mellora na xestión e non contempla medidas de salvagarda da calidade da auga. Máis ben, resulta unha norma movida única e exclusivamente polo espírito recadatorio, afán que pode ser comprobado nos dous aspectos subliñados nos parágrafos posteriores: o establecemento da base impoñíbel non suxeita a canon para usos agrícolas, forestais e gandeiros no 50% do consumo e o cobro do canon ás comunidades de usuarios e captacións propias.

Afondando no texto do Regulamento, chama a atención que cando se trata de establecer a base impoñíbel non suxeita ao canon ou coeficiente de vertido  para usos agrícolas, forestais e gandeiros, se non hai contador ou porcentaxes de uso reflectidas na correspondente autorización ou concesión administrativa, se considere que se corresponde coa metade do volume total de auga consumido e subministrado. Isto é, divide en dúas partes o consumo total de auga, adxudicando o 50% do mesmo á vivenda (e polo tanto, suxeito a canon) e a outra metade á explotación (que será a parte exenta de pagamento). De todos é sabido que unha explotación adica unha porcentaxe maior do 50% do consumo da auga á actividade agraria, e tendo establecidas unhas dotacións no Plan Hidrolóxico Galicia-Costa segundo o número de persoas, cabezas de gando e metros cadrados a regar, parécenos máis xusto que se usen esas mesmas dotacións para establecer a porcentaxe de volume total de auga consumida ou subministrada exenta do pago do canon da auga ou do coeficiente de vertido.

Por último, indicar que non parece apropiado cobrarlles o canon da auga ás comunidades de usuarios e captacións propias, pois son persoas que se viron obrigadas a autoxestionar o seu abastecemento, sempre e cando a Administración non foi quen de proporcionarlles ese servizo, encargándose das obras de execución, mantemento e conservación das infraestruturas necesarias. A pesar de o goberno galego ter anunciado o establecemento de mecanismos que permitirán a non liquidación do canon da auga ás persoas que estean nesta situación, unha lectura minuciosa do texto do Regulamento non descobre a aparición destes mecanismos en ningunha parte do articulado do borrador que se nos presenta.