REUNIÓN DA OPL AGALEGA E JOSÉ ROBLEDO EVIDENCIAN O DIVORCIO ENTRE A DIRECIÓN XERAL DE PRODUCIÓN AGROPECUÁRIA E O CONSELLEIRO DO MEDIO RURAL.

Robledo desautorizou ao próprio Juarez amosando-se partidário de estabelecer várias OPL na Galiza.

AGALEGA e o Diretor Xeral coincidiron en criticar a Real Decreto elaborado polo Ministério, que deixa fóra das Organizacións de Produtores aos sócios e sócias de cooperativas.

Compostela, 28 de outubro de 2011.-  Na mañá de onte, representantes da OPL AGALEGA, encabezados por Elias Somoza, acodiron à cita co Diretor Xeral, resultado da solicitude feita pola OPL o pasado dia 22 de xullo, co duplo obxectivo de coñecer de primeira mao a iniciativa da Consellaria e exporlle ao Conselleiro as nosas valoracións ao respeito. Lembrar que Juarez ten-se manifestado en numerosas ocasións partidário de estabelecer unha única OPL na Galiza con capacidade de negociación suficiente para defender os intereses das explotacións gandeiras de leite do País.

Sorprendentemente, a actitude de Robledo lonxe de coincidir coa do seu superior resultou completamente contraposta. Asi debuxou un cenário para as explotacións de leite da Galiza no que convivirian distintas OPLs, das que poderian facer parte explotacións de outras Comunidades Autónomas. Isto botaria por terra a idéia dunha única OPL, tal e como precisa un sector que demanda cada vez mais posturas unitárias para a sua defensa, postura na que coinciden AGALEGA, a própria FRUGA e o mesmo Conselleiro do Médio Rural. Esta desconcertante situación fai que a dia de hoxe descoñezamos cal é realmente a liña de traballo que vai estabelecer a Conselleria neste proceso e se existe algun tipo de “axenda oculta” nos despachos de San Caetano, ou se estamos a presenciar os primeiros signos externos de desavenéncias entre os dous pesos pesados da Conselleria do Médio Rural.

No que si que houvo plena coincidéncia foi na crítica ao Ministério de Agricultura por obviar no Real Decreto que regula estas entidades profisionais as particularidades do sector na Galiza, concretamente no que se refire à imposibilidade de facer parte dastas OPLs as explotacións gandeias integradas en cooperativas que à sua vez comercialicen o leite dos seus sócios e sócias, ao entender o Ministério que prevalece o seu papel “comercializador” sobre o produtor, o cal amosa o descoñecimento da realidade cooperativa galega ou, o que seria pior, umn intento por desestabilizar ainda mais um sector inmerso xá no que parece unha eterna crise. Lembrar que o Real Decreto que regula estas entidades está pendente para entrar en vigor do estabelecemento dunha norma europea que estabeleza o marco legal comunitário para a posta en funcionamento destas entidades profisionais.

PREOCUPACIÓN E DESCONCERTO NA OPL AGALEGA E NA FRUGA.

Só dese xeito se pode cualificar o resultado da reunión mantida con Robledo, que sume ainda mais na incerteza o futuro do sector lácteo na Galiza. O feito de que a dia de hoxe a Administración non teña definido ou, cando menos consensuado internamente o mapa futuro das relacións contractuais no leite na Galiza, fai que o sector, extremadamente debilitado nos últimos tempos, poda perder unha oportunidade histórica para recuperar a sua unidade e a sua capacidade de liderado no mercado do leite do Estado, do que lembremos que Galiza é a principal produtora e o território que rexistra mais da metade das explotacións.