Comezan as Xornadas do Vacún de Carne da FRUGA

Estas Xornadas son preparatórias da Asemblea Xeral da FRUGA que se vai celebrar a primeiros de 2012.

Combinan o debate sindical coa formación técnica.

A Fonsagrada, 30 de novembro de 2011.- A Federación Rural Galega-FRUGA, está a desenvolver unhas xornadas técnicas e de debate sobre o sector do vacún de carne cun duplo obxectivo: por unha banda, trasladar unha série de técnicas e coñecementos que nos podan ser útiles no traballo diario nas nosas explotacións e na planificación dese traballo, e pola outra, acordar os temas e as liñas de actuación básicas a desenvolver colectivamente por FRUGA na situación actual. As conclusións neste último punto servirán para elaborar as propostas referidas ao vacún de carne que se incorporarán aos textos a debater na próxima Asemblea Xeral de FRUGA a celebrar a comezos do ano que ven. Asi a primeira destas xornadas desenvolveu-se onte na Montaña de Lugo, concretamente n´a Fonsagrada, ao que  asistiron algo mais de 50 gandeiros e gandeiras, e na que se trataron temas como a reforma da PAC e o futuro e perspectivas do sector, que serviron para trazar as liñas o debate asamblear, asi como cuestións de tipo técnico como a clasificación de canais e as vias  de comercialización das noas producións. O seguinte encontro será en Lalín, o luns 12 de decembro.