Presentada en Lugo a I Asemblea Nacional da FRUGA

O encontro que se celebra baixo o lema de “Galiza Rural, Orgullosa de Ser” congregará á filiación da FRUGA este sábado en Silleda

Lugo, 14 de marzo de 2012.- Na xornada de onte presentábase en Lugo a I Asemblea Nacional da FRUGA. Ademais de facer un repaso às liñas xerais que marcan as teses a debate na mesma, fíxose fincapé noutras cuestións fundamentais para o futuro do noso agro. Así Xurxo Álvarez, presidente da FRUGA, lembrou a importancia de definir desde a Galiza unha postura clara a respeito da reforma da PAC e a necesidade de obter desde o goberno da Xunta un apoio claro e decidido à actividade agrogandeira na Galiza e unha posición firme na defensa dos homes e mulleres do noso rural.

O Presidente da FRUGA aproveitou a ocasión para anunciar publicamente a intención da FRUGA en concorrer ás inminentes eleccións aos distintos Consellos Reguladores que se van celebrar este ano, aos que trasladaremos a necesidade de estabelecer contratos homologados e medidas encamiñadas a a favorecer práticas agrárias e gandeiras sustentábeis e respeitosas co medio, así como produtos diferenciábeis e recoñecíbeis pola súa calidade.

Relacións comerciais xustas: soberanía alimentar.

Houbo tempo tamén no encontro cos medios de comunicación para lembrar os esforzos feitos pola FRUGA para estabelecer relacións comerciais entre produtores e produtoras galegas e povos alén das nosas fronteiras que demandan produtos como o noso viño e as nosas patacas, entre outros. Neste marco teñense desenvolvido encontros como o mantido coa delegación gobernamental angolana celebrado o pasado ano. Desde a FRUGA entendemos fundamental explorar vias de comercialización alternativas, xustas e solidárias con outros pobos para reforzar a nosa capacidade produtiva e o futuro do noso agro, co ollar posto na Galiza e sen inxeréncias de modelos, intereses e campañas alleos, para desenvolver unha agricultura à medida e ao servizo da nosa nación e do noso pobo.

O axuste das axudas públicas à realidade nacional galega ou a necesidade cada vez maior de estabelecer un grupo lácteo própio ao servizo das nosas explotacións foron outros dos pontos abordados.