OS INCENDIOS NAS FRAGAS DO EUME AMOSAN O RESULTADO DAS POLITICAS FORESTAIS DO PP NA XUNTA: RECORTES NA PREVENCIÓN E FALTA DE PREVISIÓN NA EXTINCIÓN

Compostela, luns, 2 de abril de 2012. Ante os incendios que esta fin de semana están a afectar ás Fraga do Eume, FRUGA quere en primeiro lugar, amosar a súa solidariedade con todos os veciños e veciñas das zonas afectadas, así como demandar das autoridades pertinentes o esclarecemento da orixe dos lumes e a disposición de todos os medios materiais e humanos para deter a todas aquelas persoas con responsabilidade neste funesto crime, si como todo parece indicar a súa orixe foi provocada.

Os incendios que están a asolar ás Fragas do Eume amosan claramente o resultado da política forestal que o PP está a desenvolver en Galiza dende a súa chegada ao goberno galego.

Por un lado resulta a todas luces incomprensíbel que a estas alturas non estivese activo ao 100 por 100 o dispositivo de extinción da Xunta de Galiza, despois dun inverno extremadamente seco e nas condicións de temperatura e humidade coas que xa levamos semanas. Esta absoluta falta de previsión nas situacións actuais é unha clara mostra de irresponsabilidade política.

Por outro lado temos que recordar algo que xa ten denunciado a FRUGA en multiples ocasións, o recorte nas medidas de prevención que ten executado o goberno galego. Podemos afirmar que dende que goberna o Sr. Feijoo deixáronse de invertir máis de 20 millóns de euros en políticas de prevención de incendios.

De especial relevacia para FRUGA son a eliminación das medidas postas en marcha para a implicación da poboación do medio rural nas políticas preventivas. Por exemplo a desaparición das agrupacións veciñais de vixiancia forestal, o voluntariado do monte ou as axudas ás cuadrillas das comunidades de montes e aos desbroces nos montes veciñais. Así como tamén a eliminación de todas as iniciativas para incidir na valorización do monte máis alá da súa produción forestal.

Para FRUGA a mellor maneira de incidir na prevención dos incendios forestais é conseguir un monte polifuncional e vivo, cunha valorización de todas as súas potencialidades e onde a participación activa da poboación rural nesa valorización sexa eixo fundamental. Si o monte fica reducido á produción de materia prima barata para as grandes empresas de celulosa e madereiras, mal camiño é ese para evitar os incendios forestais.

Finalmente sinalar que non deixa de ser preocupante que ante esta realidade do monte galego, o goberno galego siga empeñado en sacar adiante unha lei de montes de Galiza que o único que fai é valeirar de contido a lei de prevención de incendios forestais do ano 2008, eliminando toda a lexislación que trataba de ordear os diversos usos do monte e eliminar as medidas máis importante vinculadas a prevención. Con especial relevancia, como desgraciadamente volvimos a comprobar estos días nas Fragas do Eume, as reducións nas franxas de seguridade ao redor dos núcleos habitados.

Por todo isto FRUGA vai secundar as concentracións que no día de hoxe se van desenvolver nas cidades e vilas galegas para amosar a nosa indignación por todo o que está a acontecer nas Fragas do Eume.