As explicacións dadas polas distintas entidades non satisfaceron aos/às afectadas
A resposta da Xunta recollida en distintos médios dá risa
Cee, 7 de xuño de 2012.- As mais de dúas horas de protesta protagonizada pólos afectados e afectadas pola trama presuntamente fraudulenta para o cobro de subvencións forestais serviu para sacar á rúa un problema que se tenta agochar desde distintos estamentos. O perto dun centenar de persoas que participaron da protesta conseguiron chamar a atención da sociedade sobre un problema que cada día deixa mais persoas afectadas, segundo van aparecendo novos expedientes irregulares.
Explicacións insuficientes.
No transcurso da protesta, vários dos afectados e afectadas que tiñan coñecemento ou sospeita de súa inclusión en contas bancarias utilizadas para o cobro e pagamento das axudas solicitaron explicacións dos responsábeis das entidades, que se limitaron a presentarse como vítimas dun engano ou un “exceso de confianza” para co empresario agora encausado. Nos mesmos termos se manifestou o responsábel da oficina de Correos na que estaban localizados os apartados de correos empregados para manter a correspondencia coa Adminstración sen o coñecemento das persoas utilizadas como solicitantes dos subsídios.
Extrana reacción desde o Distrito Forestal.
Outra actitude moi distinta foi a dos funcionários/as di Distrito. Ante a nosa presencia e cando se pretendía acceder ao edifício para achegar un escrito solicitando unha entrevista coa Conselleira, unha persoa desde o interior apresurouse a pechar con forza a porta, impedindo o acceso ao edifício administrativo. Só tras chamar insistentemente ao timbre, e trás escoitar unha voz feminina que berrraba de xeito desaforado e inintelixíbel, un axente tivo a ben achegarse à porta, mais só para negarnos a posibilidade de acceder ao edifício (algo incomprensíbel sendo como é un edifício público), así como a posibilidade de rexistrar o escrito dirixido á Conselleira, facendo cargo el mesmo da súa recepción e a súa entrega á mesma, alegando a inexistencia de rexistro de documentos no mesmo e a ausencia da persoas responsábel do Distrito. Esta actitude parece mais ben propia de alguén que ten algo que agochar, e non a de quen se presume libre de calquera implicación nos feitos denunciados e que debera estar de parte dos administrados e administradas.
Explicacións da Xunta que dan a risa.
Como consecuencia desta protesta temos novas declaracións da Xunta, ainda que fora através dos médios e de forma anónima, mais ao parecer para eludir responsabilidades, e manifestar o seu “bon facer” coa tramitación destas axudas, das que seguen a dicer que foron perfeitamente tramitadas malia a denuncia veciñal. Só si se entende que expedientes denunciados segan o seu trámite administrativo como se nada pasase. Ademais non foron quen a aclarar como nunca se comprobou a relación entre os supostos solicitantes e as parcelas afectadas pólas supostas actuacións, o informe “positivo” de actuacións que non se chegaron a realizar, a inclusión de parcelas agrárias como forestais, co conseguinte perxiucio para os seus lexítimos propietarios e propietarias, así como a determinante e necesaria, para manter perfeitamente ocultos os trámites às persoas vítimas da trama, falta de comunicación entre a Administración Autonómica e Facenda das axudas adxudicadas. Todas estas aclaracións fican no ar e desde logo seguen a deixar un certo cheiro a podre no que ten a ver coa actuación da Administración no trámite das axudas orquestradas desde a empresa agora encausada.