A protesta, convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes, é apoiada pola Alianza por un Medio Rural Galego Vivo, da que fai parte a FRUGA
Compostela, 8 de xuño de 2012.- A Federación Rural Galega-FRUGA apoia a convocatoria e participará activamente na Manifestación que está convocada para mañá sábado ás 12 h na estación do tren de Santiago para manifestar o noso reixeitamento á lei de montes que presentou o PP e que está tramitándose no Parlamento Galego. Por que nos opomos a esta lei de montes?
- Porque elimina a prohibición de forestar terras agrarias.
◦ Cun impacto absolutamente negativo na capacidade produtiva das explotacións agrarias.
◦ Cun aumento do caos territorial e unha influencia prexudicial na prevención dos incendios forestais.
◦ Permitir forestar terras agrarias reduce a posibilidade de incrementar a superficie agraria útil das explotacións, reducindo a súa capacidade de permanencia e de ser menos dependentes de insumos externos e polo tanto intensificando o abandono do medio rural.
- Porque significa na práctica a derrogación da lei de prevención e defensa contra os incendios forestais.
◦ Reducindo as distancias a gardar polas plantacións forestais que, por exemplo, pasarán de 100 m a 30 metros na franxa de protección ás vivendas cando se trate de repoboacións con piñeiros e/ou eucaliptos.
◦ Elimínase a prohibición de establecer masas monoespecíficas de máis de 50 hectáreas, co que a creación de descontinuidades na vexetación que frean o avance do lume non fica garantida.
◦ Desvía cara os concellos as responsabilidades de facer cumprir as obrigas de tratamento da biomasa residual ou de realizar a execución subsidiaria pertinente (antes responsabilidade da Consellaría do Medio Rural), cando a maioría deles non dispoñen dos medios humanos e materiais precisos cos que acometer esa tarefa.
- Porque o sistema de xestión conxunta da propiedade proposto, as SOFOR, presenta moitos inconvintes.
◦ A personalidade xurídica da que se dotan, sociedades limitadas, aumenta as obrigas documentais, tributarias e burocráticas para as persoas que formen a SOFOR. Aumenta os tributos sobre os beneficios e require dun sistema de compatibilidade complexo que non se adapta aos ciclos forestais.
◦ Permiten a entrada de capital alleo nas mesmas condicións que as persoas propietarias. O risco de entrada de capital especulativo no monte é moi elevado.
- Porque elimina a obrigatoriedade de realizar os deslindes dos montes veciñais por parte da Xunta.
◦ O proceso de devolución dos montes veciñais aos seus lexítimos propietarios logo do franquismo non foi desenvolvido de xeito correcto. Debe seguir sendo a Administración a encargada de realizar os deslindes, solucionando un problema que se arrastra ao longo do tempo.
- Porque usurpa a xestión dos Montes Veciñais para entregarlla ás empresas privadas.
◦ Mediante os contratos temporais de xestión pública, que poderán ser subscritos con comunidades de montes que carezan de recursos, sendo a xestión realizada pola Administración ou ben por empresas.
- Porque reflexa unha visión produtivista centrada no aproveitamento da madeira, non apostando por un monte multifuncional e sustentábel.
◦ A sociedade galega demanda un monte valorizado e multifuncional, pois os modelos de xestión baseados en plantacións monoespecíficas de especies de crecemento rápido reveláronse ineficaces, provocando a aparición de problemas sanitarios, esgotamento de recursos, baixadas dos prezos e incendios.
Por todo iso animamos ao conxunto da cidadanía galega a participar nesta Manifestación Nacional a favor dun monte galego vivo e con futuro e en contra da lei de montes do PP.