Foi unha das conclusións desta primeira reunión mantida onte coa titular do Medio Rural
Rosa Quintana recoñeceu a lexitimidade de FRUGA para participar nas distintas mesas sectoriais agrarias, así como no Consello Agrario Galego, logo dos resultados das eleccións aos Consellos Reguladores
Compostela, 6 de xullo de 2012.- Na tarde de onte, unha delegación da FRUGA, encabezada por Xurxo Alvarez, Presidente da entidade, acompañado polos membros da Dirección Nacional Elías Somoza e Mar Vila, mantivo un encontro oficial coa Conselleira do Médio Rural e Mariño, Rosa Quintana. Esta é a primeira ocasión na que a organización agrária é recebida pola titular da Conselleria. Con esta reunión a Xunta recoñece o novo mapa sindical no rural galego desde a constitución da FRUGA e a representación acadada nas recentemente celebradas eleccións aos Consellos Reguladores das distintas IXPs e DDOO no noso rural. Lembremos que a FRUGA ficou entre as tres formacións máis representativas, xunto con UUAA-UPA e XXAA-ASAJA, nos procesos eleitorais nos que foi admitida, logo do veto de varias das nosas candidaturas. No transcurso da reunión concluise a necesidade de incorporar à FRUGA às distintas mesas de diálogo estabelecidas desde a Administración, tanto das sectoriais como do próprio Consello Agrario Galego, das que viñan participando as outras tres organizacións sindicais agrárias.
Necesidade dunha única OPL e garantir prezos nas producións
Entre as distinta demandas presentadas desde a FRUGA figura a constitución dun há OPL (Organización de Productores/as Lácteos) nacional como ferramenta de defensa do sector leiteiro. Neste ponto a Conselleira dixo coincidir plenamente coa posición da FRUGA e a necesidade de traballar nese sentido. Ademais e tamén en relación coa actividade gandeira expuxoselle a grande preocupación existente no sector pólos baixos prezos das producións, así como a necesidade de incrementar a base territorial das explotacións na liña de reducir custes e conformar explotacións mais rendíbeis e e sustentábeis. Tamén houbo tempo á critica pola xestión levada a cabo desde a Administración da planta de “Alimentos Lácteos”. No que ten a ver cos prezos, amosouselle grande preocupación polos “ruxe-ruxes” que xá circulan nas distintas DDOO vitícolas e que falan de prezos á baixa, polo que urxe recuperar mesas de diálogo que fixen prezos para a uva nos preceptivos contratos homologados.
A ZEPA da Limia e a incineradora do Irixo, tamén sobre a mesa.
A imposición da ZEPA por parte do Partido Popular coa chegada ao goberno, logo da seu rexeitamento durante o período que estivo na oposición, foi outro dos temas tratados. Lembremos que foi precisamente a ZEPA o primeiro conflicto agrário co que se “estrenou” a FRUGA ao dia seguinte da súa constitución en 2009, e que a dia de hoxe segue sen ser resolto. Agardamos que desde o recoñecemento da FRUGA como organización interlocutora e representativa do agro galego, o tema sexa revisado e se poida acadar unha solución que permita a convivencia entre labregos e aves sen que a actividade agrária se vexa afectada. No que ten a ver coa incineradora do Irixo, desde FRUGA amosouselle o total rexeitamento a un proxecto que suporía a ruína de numerosas explotacións gandeiras e agrícolas no só do concello do Irixo e arredores, tamén rexions produtivas de vital importancia no mapa agrário nacional, como o Ribeiro, poderían ser vítimas dun modelo de xestión de resíduos totalmente obsoleto e verdadeiramente prexudicial para a saúde das persoas e o médio natural en xeral.