A FRUGA inicia unha campaña en defensa do Sector Lácteo Galego

Asembleia na Pastoriza

FRUGA exixe que se repoñan as medidas en política agraria que tan bo resultado deron na anterior lexislatura da Xunta de Galiza ante o claro fracaso das políticas do PP
Lugo, 6 de setembro de 2012.- O sector lácteo galego atópase nunha crise nunca antes coñecida, cunha caída constante nos últimos anos do prezo que receben os productores lácteos e cunha suba dos custos de producción que se viu aínda máis agudizada nos últimos anos. Esta situación, lonxe de correxirse está sendo acentuada nos últimos tempos; serva de exemplo que no último ano o penso encareceuse en torno a un 18% e o leite baixou sobre un 10%.
Desde a Federación Rural Galega-FRUGA entendemos que esta tendencia de “ir a peor” non é casualidade e que ten as súas causas. No sector lácteo hai unha serie de variables de difícil control, tal e como pode ser o prezo dos cereais nas lonxas que marcan o prezo mundial tal e como están as regras do mercado hoxe en día. Pero tamén sabemos que hai outras accións que se poden tomar para equilibrar os beneficios do conxunto do sector lácteo que xa foron postas en marcha e que sabemos que son efectivas, xa que contribúen a aumentar o prezo do leite en orixe.
Hai unha serie de medidas que se levaron a cabo na anterior lexislatura da Xunta de Galiza que estaban dando os seus resultados e que ían encamiñadas cara a creación do Grupo Lácteo Galego, algo ao que non debemos renunciar nun contexto no que o 80% do leite producido na Galiza é transformado por empresas de fora. Coa anterior Consellería do Medio Rural (CMR) convocando con regularidade a Mesa do Leite, estableceuse un ámbito galego de negociación que impulsou o Observatorio Lácteo Galego e a implantación real e efectiva do Contrato Homologado. Por outra banda, tamén comezaron iniciativas orinentadas á menor dependencia de insumos
alleos ás explotacións, como as inicitivas do Banco de Terras de Galiza (BANTEGAL) ou o Contrato de Explotación Sustentable (CES).
Todas estas políticas, a pesar de estar dando os seus primeiros pasos, xa estaban dando o seu reflexo no prezo a recibir polos gandeiros polo leite. Resultado das políticas levadas a cabo pola anterior CMR é que o prezo que tiña o leite en orixe na Galiza era máis alto que a media do Estado, e incluso máis alto que en Francia. Anos despois, coa chegada do Partido Popular á Xunta de Galiza e co xiro de política agraria que supuxo que a situación se invertira e que agora, o prezo que reciben as explotacións lácteas galegas sexa agora máis baixo.
Desde a FRUGA apuntamos á Xunta de Galiza como responsable directa dos baixos prezos que están recibindo as granxas de leite, xa que a chegada do PP á Xunta supuxo o desmantelamento das medidas que mantiñan o prezo do leite en orixe máis alto que na súa contorna.
Galiza non pode prescindir do principal motor económico do rural galego, por isto, a FRUGA vai continuar coa campaña que xa ten iniciado en defensa do sector lácteo galego nas principais comarcas lácteas galegas, esixindo responsabilidades aos seus responsables e que se restablezan as políticas agrarias no sector lo leite que tan bo resultado deron no seu día para, deste xeito, manter a flote o sector lácteo galego.