A FRUGA fai un chamamento á participación dos labregos e labregas da Galiza na xornada de paro e nas mobilizacións que percorreran bo número das cidades e vilas galegas
Desde a nosa Organización faremos visíbel a repercusión sobre o noso rural das lesivas políticas do Partido Popular en materia social, asi como o completo desinterese d@s nos@s gobernantes pola actividade agraria e gandeira
Compostela, 9 de novembro de 2012.- Cando faltan uns poucos dias para a xornada de Folga Xeral, a federación Rural Galega fai un chamamento ao campesiñado deste País para que participe activamente dese dia de loita e reivindique nas rúas outras políticas que permitan a supervivencia do noso medio de vida. A continuación reproducimos o manifesto que, no nome da Federación, e en palabras do noso Presidente, chama a “dar unha resposta masiva contra as políticas de recortes e demandar outras políticas económicas que procuren a reactivación da economía”.
A Federación Rural Galega-FRUGA, súmase á Folga Xeral do 14 de novembro e anima a toda a poboación do medio rural galego a participar nesta xornada de folga e nas mobilizacións que se organicen
Santiago de Compostela, 8 de novembro do 2012.
O vindeiro mércores 14 de novembro está convocada unha xornada de Folga Xeral polo conxunto das organizacións sindicais e que se desenvolverá en varios estados da periferia europea. Quérese así dar unha resposta masiva contra as políticas de recortes e demandar outras políticas económicas que procuren a reactivación da economía.
Dende a FRUGA compartimos completamente os obxectivos da convocatoria de Folga Xeral, xa que no mundo rural galego somos perfectamente coñecedores dos resultados desta nefasta política de recortes que o PP está a desenvolver. O mundo rural galego está a sufrir moi intensamente o deterioro dos servizos públicos: recortes nos centros de ensino, desaparición de escolas, desatención das persoas maiores, deterioro na atención sanitaria, pensións máis baixas, etc.
Ao mesmo tempo as políticas levadas a cabo polos distintos gobernos do PP, orientadas a salvar por enriba de todo ao capital financeiro, están afundindo a actividade económica, con especial incidencia na actividade agraria que se atopa nunha situación crítica nunca vista.
Por todo isto, dende a Federación Rural Galega, FRUGA, pensamos que a única maneira de frear a política de recortes e por en marcha outras políticas que procuren a reactivación económica é recorrer á mobilización social. É por iso que apoiamos esta convocatoria de Folga Xeral e animamos a toda a poboación do mundo rural galego a sumarse a esta xornada de folga e ás mobilizacións que se convoquen.
Xurxo Álvarez Pérez
Presidente da FRUGA