FRUGA dará cobertura legal aos gandeiros/as aos que se lles debedan cartos
Lugo, 13 de Marzo de 2013.- A finais de Xaneiro deste mesmo ano, a empresa Alimentos Lácteos (AALL) solicitou un preconcurso de acredores. Deste xeito confirmábase o que a FRUGA presaxiaba: AALL nacía por e para atender aos intereses caciquís e partidistas do Partido Popular.
A empresa AALL, constituída en decembro de 2009 recoñece perdas de 15 millóns de euros, débeda acumulada nun tempo récord, xa que conta con só tres anos e tres meses de vida. É dicir, AALL acumula perdas de case 400.000 €/mes. Neste tempo, a Xunta de Galiza concedeu a AALL axudas públicas por un importe de 9 millóns de euros o que converte ao presidente Núñez Feijoo en responsábel da situación ruinosa da empresa.
Estas débedas de AALL teñen graves consecuencias para o sector produtor: a perto de 1000 produtores/as que entregaban o leite ás cooperativas que forman parte de AALL se lles debeda diñeiro polo leite subministrado.
Ante esta situación, FRUGA exixe que se depuren responsabilidades, que se realice unha auditoría e que se aclaren a onde foi o diñeiro que se lle deu AALL. Do mesmo xeito, a Xunta de Galiza debe responder políticamente sobre o uso deses 9 millóns de euros de cartos públicos que se lle concederon a AALL.
FRUGA , ante a indefensión que padecen os produtores/as, pon a disposición dos afectados/as que así o queiran, o noso equipo xurídico para a presentación de reclamacións polos cartos debedados. Do mesmo xeito, a propia FRUGA está valorando a posibilidade de presentar unha demanda ante os indicios de mala praxe que se deducen dos resultados económicos de AALL.
Desde FRUGA facemos responsábel da situación actual á Xunta de Galiza: cando Pascual cesou a actividade na planta de Outeiro de Rei puido terse aproveitado a oportunidade para sentar as bases do tan necesario Grupo Lácteo Gelego e, en lugar diso, debido ás manobras da Xunta, e despois de ter gastasdo 9 millóns de euros en cartos públicos, atopámonos cunha empresa cun burato de 15 millóns de euros con e con débedas contraídas cos/coas gandeiros/as que lles subministraban leite Por todo iso, a Federación Rural Galega, anuncia unha serie de mobilizacións ante o inxusto dunha situación na que hoxe se ven abocados case un milleiro de labregos/as galegos/as.