FRUGA considera absolutamente rexeitábel a Lei de Cadea Alimentar presentada polo goberno do estado

Nunha reunión mantida coa Deputada do BNG no Congreso dos Deputados FRUGA propón que se solicite a devolución da devandita lei por considerala extremadamente lesiva para os intereses do agro galego

O sindicalismo agrario nacionalista trasladará a Madrid a súa posición na comisión parlamentar que abordará esta Lei, convidados polo BNG

Compostela, 19 de marzo de 2013.- O pasado venres 8 de marzo desenvolveuse unha reunión de traballo na sede nacional do BNG para analizar o proxecto de lei de Cadea Alimentar presentada polo Goberno do PP do estado. Por parte de FRUGA asistiron os membro da Dirección Nacional, Manuel Dacal e Xosé Manuel Casal, e por parte do BNG a súa portavoz no Congreso Olaia Fernández Davila.

 

Unha lei fundamentalmente centralizadora

 

Para FRUGA o elemento máis destacábel do proxecto de lei é o seu carácter centralizador, moi na liña política do PP. Tal e como está deseñado o proxecto de lei imposibilita que Galiza conte con ámbitos de decisión e negociación. Impide que podamos decidir sobre cuestións que nós afectan directamente e nas que somos os que máis temos que perder ou gañar.

Exemplo paradigmático é a imposibilidade de contar con interprofesionais galegas que negocien contratos e prezos, reservando esta competencia única e exclusivamente ao ámbito estatal e a un marco español. Lembremos a experiencia da interprofesional láctea galega no período 2005- 2009 onde se negociaron contratos e prezos e que orixinaron o momento de prezos máis elevados dos últimos anos, e nos que Galiza fixo valer o seu peso dentro do sector lácteo, como é o lóxico, e que con este proxecto de lei se imposibilita que está situación se volva a dar no futuro.

 

Unha norma valeira de contido e sen capacidade reguladora

 

Agardábase desta lei que marcara uns mecanismos claros para determinar as relacións entre o sector produtor e a industria, principalmente na determinación dos prezos, dos contratos e dar relacións comerciais. Máis atopámonos novamente cunha lei que enumera unha serie de principios xenéricos e unhas declaracións de intencións de boas prácticas pero que non entra a determinar normas reguladoras nin mecanismos de control por parte da administración para o cumprimento desas boas prácticas.

Novamente deixase á libre competencia e a autoregulación dos mercados o estabelecemento do marco de relacións, co cal xa sabemos cal vai ser o resultado. Só se estabelece un código de boas prácticas absolutamente xenérico e indeterminado e que por riba non é de obrigado cumprimento, se non que sumarse a el é opcional para as industrias.

Para FRUGA, as administracións públicas teñen que ter un papel fundamental de reguladores e controladores do marco de relacións entre produtores e industrias evitando abusos, que se venda por baixo do prezo de produción, perseguindo o dumping, etc., como único xeito de garantir o mantemento da actividade agraria, fundamental para nacións como a galega.

Por todo isto, FRUGA trasladoulle a Olaia Fernández Davila a necesidade que no trámite parlamentar no Congreso deste proxecto de Lei se solicitase a súa devolución, a redacción dunha nova lei respectuosa co dereito de Galiza a decidir sobre o seu sector produtor e que garanta un marco de relacións que non deixe ao sector produtor na indefensión. Esta proposta foi recollida pola parlamentar nacionalista, e a maiores convidou a FRUGA a trasladar a Madrid unha representación da nosa organización para expor todas estas cuestións no debate en comisión parlamentar e así expor a opinión do sector produtor agrario galego sobre este proxecto de lei.