FRUGA denuncia a campaña do Partido Popular de criminalización das persoas discrepantes

 

Fruga amosa o seu apoio ao Manifesto Cidadán de Solidariedade cos Independentistas Xulgados en Madrid

Compostela, 14 de xuño de 2013.- Cada día que pasa resulta máis evidente que o Partido Popular e os intereses da dereita máis reaccionaria que o sustentan e a quen representa, están desenvolvendo unha campaña de criminalización e represión de todas as persoas e colectivos que fan fronte ás súas medidas. Medidas que visan defender os seus intereses de clase ao tempo que atacar os intereses da maioría social deste País.

Nun momento histórico na que a ofensiva máis brutal do capital está deixando ás clases populares nunha situación de grande precariedade, é normal que estas se organicen co fin de dar resposta adecuada aos ataques sistemáticos que se veñen padecendo. Neste sentido organizacións como a FRUGA, vimos desenvolvendo accións encamiñadas á defensa das maiorías sociais, neste caso as que vivimos no medio rural, fronte aos ataques aos que nos ven sometendo capital financieiro-especulativo a través dos seus brazos políticos.

Neste confronto, o PP está a desenvolver unha campaña intensa de incriminación de todas as persoas e colectivos que dende diversos ámbitos e de diversas formas pretendemos facerlle fronte ás súas políticas. Para tal fin sérvese tanto do aparello xurídico e legal do estado español, como duns medios de comunicación e información absolutamente dependentes dos poderes económicos e políticos.

Asistimos recentemente a unhas actuacións e declaracións do Delegado do goberno do estado español na Galiza, onde os que defendían pacificamente os dereitos da cidadanía, eran acusados, por parte de quen ten o monopolio da forza, de ser uns violentos e polo tanto merecentes dun castigo exemplar. Nos últimos meses volveuse habitual as condenas e acusacións a sindicalistas por ter participado en accións de defensa dos dereitos da clase traballadora. Así mesmo as organizacións e colectivos que defendemos a caída do actual sistema e a construción dun novo marco xurídico político, e sobre todo si isto vai xunguido á reivindicación dos dereitos nacionais de Galiza, somos continuamente acusados de incitar a violencia e de pór en perigo a convivencia social. Toda unha serie de accións e avisos claros de que o poder que nos goberna non está disposto a permitir o seu cuestionamento, nin ao desenvolvemento de alternativas ao seu modelo.

Dentro deste marco é onde temos que situar o xuízo ao que catro independentistas galeg@s van a ser sometid@s por parte dese tribunal de excepción que é a “Audiencia Nacional” os vindeiros 24 e 25 de xuño. É por iso que dende a Federación Rural Galega – FRUGA apoiamos o Manifesto Cidadán de Solidariedade c@s Independentistas Xulgados en Madrid, e animamos ao conxunto da cidadanía galega a sumarse a este apoio, así como a non se deixar enganar pola propaganda que un réxime corrupto e ao servizo do capital máis depredador poda verter sobre este xuízo.