FRUGA e BNG coinciden en recorrer o permiso de explotación mineira de LAGO II da Montaña de Lugo

 

 

Somoza insistiu en que de aprobar a Xunta de Galiza a solicitude de exploración mineira Lago II, que afecta aos concellos de Baleira, Baralla, Becerreá e A Fonsagrada, pode transformar 1.180 Ha de superficie cun alto valor ambiental, agrario e cun gran potencial de xeración de postos de traballo sustentables no tempo, nunha zona estéril durante xeracións

Lugo, 28 de agosto de 2013.-  Na mañá de onte, o membro da executiva comarcal do BNG e portavoz do BNG na Deputación, Mario Outeiro, e o membro da Direción Nacional da FRUGA e responsábel en Lugo, Elías Somoza, compareceron en rolda de prensa para manifestar a súa posición conxunta de total rexeite ao proxecto mineiro proposto para a Montaña lucense e informar do recurso que ambas organizacións presentaron para tratar de evitar que se aprobe o permiso de exploración mineira denominado Lago II e que afecta a catro concellos lucenses: Baleira, Becerreá, Baralla e a Fonsagrada.

Tal e como explicou Mario Outeiro, “igual que acontece noutras partes do país, semella que estamos na antesala dunha operación de apertura dunha explotación dos recursos minerais en zonas que están afectadas pola protección de Reserva da Biosfera Río Eo-Oscos-Burón e desde o BNG nunca imos permitir o espolio dos nosos recursos e a destrución do noso medio natural por empresas que seguen os ditames do colonialismo moderno. O sistema de minería a ceo aberto previsto para levar a cabo é altamente destrutivo para o medio ambiente e suporía a aniquilación do noso medio rural, en zonas ademais protexidas”.

Mario Outeiro denunciou “que a Xunta de Galiza, atendendo aos intereses das grandes transnacionais, abre as portas á espoliación do noso territorio permitindo o uso de métodos de extracción altamente contaminantes, e que xa están prohibidos en moitos países do mundo, sen que as comarcas afectadas saquen proveito: a desfeita queda e o beneficio vai para fóra”.

Nesta liña interveu o responsábel de FRUGA en Lugo, Elías Somoza, quen asegurou que “de aprobar a Xunta de Galiza a solicitude de exploración mineira Lago II, que afecta aos concellos de Baleira, Baralla, Becerreá e A Fonsagrada, pode transformar 1.180 Ha de superficie cun alto valor ambiental, agrario e cun gran potencial de xeración de postos de traballo sustentables no tempo, nunha zona estéril durante xeracións”.

Elías Somoza tamén falou do negativo influxo para o emprego que pretenden vender as empresas multinacionais, xa que “moitos dos postos de traballo que precisan este tipo de minas requiren dunha formación e especialización da que carecen a maioría dos habitantes da contorna, de feito, moitos dos traballadores son traídos pola propia empresa, que os despraza dunha explotación mineira a outra. Non obstante, os empregos xerados pola actividade agraria e forestal si que verían perigar a súa continuidade, xa que a mina entraría en competencia por recursos como a terra e a auga. A cambio da promesa de crear uns poucos postos de traballo que se manterían os anos que permaneza aberta a mina, 15, 10 o incluso 8 anos, non se debe poñer en risco o traballo asociado á actividade agroforestal existente nin afectar á súa potencialidade”.

Por todas estas razóns, o BNG e FRUGA presentaron recursos para evitar que a Xunta de Galiza autorice esta exploración mineira que desembocaría nun desastre ambiental e social sen precedentes para a comarca da Montaña de Lugo.