Compostela. 29 de agosto de 2013. Dende a Federación Rural Galega-FRUGA queremos manifestar o noso apoio e participación na homenaxe popular a Moncho Valcarce que polo 20 aniversario do seu pasamento se vai celebrar este sábado 31 de agosto nas Encrobas, Cerceda. Unha delegación de FRUGA encabezada polo seu Presidente, Xurxo Álvarez, o seu Coordinador Xeral, Manuel Da Cal, e outros e outras membros da Dirección Nacional de FRUGA se desprazará este sábado ás Encrobas para participar nesta homenaxe.
Moncho Valcarce foi peza fundamental e senlleira no espallamento e consolidación do sindicalismo agrario nacionalista. Foi referente carismático naquelas loitas agrarias en Galiza onde se consolidou e se efectivizou a máxima nacionalista da autorganización do pobo, neste caso dos labregos e labregas. Principio básico e fundamental, dotarse de organizacións propias, sen dependencias alleas, que doten ao pobo galego das ferramentas precisas para a defensa dos seus intereses e para avanzar no seu proceso de autodeterminación. Estas, e outras máis, foron ideas polas que loitou Moncho Valcarcer e que FRUGA segue a defender no día de hoxe, é por iso que nos sentimos herdeiros da súa loita, do seu pensamento e do seu exemplo.
Parabenizar á Irmandade Moncho Valcarcer pola organización desta homenaxe e polo inmenso e esforzado traballo de todos estes anos, no mantemento da memoria da figura de Moncho Valcarcer, das súas ideas e do seu exemplo.