FRUGA consegue pór dacordo aos grupos parlamentares da oposición para que soliciten unha comisión de investigación no asunto de Alimentos Lácteos

Unha delegación de FRUGA foi recibida por BNG, PSOE e AGE; alí expúxose anecesidade de aclarar o que aconteceu en AALL para que un fracaso así non se volva  repetir
Lugo, 28 de xaneiro de 2014.- Desde que, en 2009, Pascual se desfixera da planta de envasado de leite en Outeiro de Rei e que finalmente desembocou na constitución da empresa Alimentos Lácteos (AALL), desde a Federación Rural Galega-FRUGA xa advertimos, por un lado, da dubidosa viabilidade do proxecto e, por outra banda, da oportunidade perdida que supoñía para a creación do que podía ser o xerme do tan necesario Grupo Lácteo Galego.
Todo isto foi posible porque, tal e como recoñeceron recentemente varios directivos de AALL, “a Xunta impulsou e amparou o proxecto Alimentos Lácteos para solventar un problema político, económico e social e que declarou estratéxico a efectos do seu financiamento”. Polo tanto, xa que a súa constitución foi unha cuestión política, política debe ser tamén a súa solución.
Despois de só catro anos de funcionamento, e a súa posterior quebra, AALL deixa un regueiro de 15 millóns de euros de débedas recoñecidas, perto de 1000 produtores/as aos que se lles adebeda o leite de varios meses, 9 millóns de euros de cartos públicos fundidos, case 100 traballadores da planta de envasado sen emprego e varias cooperativas nunha situación realmente crítica.
En base a iso, desde FRUGA solicitamos xuntanzas para tratar esta situación con todos os grupos parlamentarios do Parlamento Galego, e xa onte fomos recibidos polo BNG,
PSOE e AGE. Nestes encontros, unha delegación de FRUGA expuxo a nosa preocupación pola situación de indefensión que deixa aos produtores a quebra de AALL
ao tempo que tamén demandamos que se depuren as responsabilidades pertinentes.
Froito destas reunións, conseguiuse que os tres grupos parlamentarios da oposión se puxeran dacordo ante este tema, xa que BNG, PSOE e AGE mostráronnos o seu compromiso de solicitar unha comisión de investigación no Parlamento Galego sobre o que aconteceu en AALL, cousa que desde FRUGA agardamos que aconteza. Do mesmo
xeito, tamén esperamos que finalmente nos reciba o Partido Popular e que se poida pescudar todo o que aconteceu coa empresa AALL e que rematou afectando a todo o
sector leiteiro galego.