FRUGA CELEBROU UNHA ASEMBLEA NA PARROQUIA LALINESE DE VILATUXE PARA TRATAR DOS PROBLEMAS DA VECIÑANZA POR CAUSA DA CONCENTRACIÓN PARCELAR

IMG_20160415_213318

 

Na mesma valorouse a posibilidade de constituír unha comisión de afectados e afectadas.

 

 

Lalin, 16 de abril de 2016.- No dia de onte celebrouse unha asemblea na parroquia lalinense de Vilatuxe convocada pola Federación Rural Galega – FRUGA, coa presenza do avogado Patricio Viveiro, asesor da FRUGA.

O motivo da mesma viña determinado polos problemas causados á veciñanza pola concentración parcelar que se está a levar a cabo nesta parroquia.

No transcurso da asemblea os veciños e veciñas asistentes puxeron de manifesto unha serie de anomalías causadas pola execución do proceso de concentración parcelar e en concreto no que ten a ver con o proceso final de adecuación das parcelas de reparto. As deficiencias denunciadas teñen a ver fundamentalmente coa falta de aceso rodado ás parcelas de reparto ao negarse a empresa a pór os tubos que permitan salvar as cunetas e desniveis existentes como consecuencia da execución das pistas de concentración, incumprindo o apartado 1.d do artigo 5º da Lei de Concentración Parcelar da Galiza, que dí explicitamente que se han de “dar ás novas fincas acceso directo ás vías de comunicación, para o que se establecerá a rede viaria necesaria”.

IMG_20160415_213442

Outro dos problemas denunciados foi que se están a deixar fincas sen acondicionar para o seu posterior uso por parte dos e das novas propietarias, ao deixar pedras sen enterrar ou ao non enterrar os tocóns o que vai en contra da filosofía que motiva as accións da concentración parcelar, que no seu artigo 4º determina que esta terá como fin “a prioridade de actuación para garantir explotacións rendíbeis e con unha clara finalidade social, de estímulo para manter ou acrescentar a súa capacidade produtiva, mediante un plano de desenvolvemento, e producir una reordenación de cultivos e en xeral do territorio que permita manter unha actividade socioeconómica”. Dificilmente se pode cumprir este obxectivo se as fincas de reemprazo non fican acondicionadas para a súa posterior explotación por parte dos e das súas novas propietarias

Tamén foi motivo de debate a preocupación causada pola afectación dunha serie dos novos predios pola figura de protección da Rede Natura 2000, sen que isto estivera previsto cando se comezou co proceso de concentración, aló polo ano 2001.

Por todo isto acordouse iniciar unha rolda de consultas entre a veciñanza para tratar de constituír unha Comisión de Afectados e Afectadas para canalizar todos estes problemas perante a Consellería do Medio Rural, que é a responsábel de que se cumpra a lei.