Desde a FRUGA lamentamos profundamente a incompetencia da Xunta da Galiza para acometer as últimas crises que abalan o noso rural.
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2017. Nos últimos días vimos asistindo, cando menos, a dúas situacións críticas que están a afectar de maneira especial á poboación que vive no rural galego. Estámonos a referir á situación creada a raíz dos distintos problemas causados polo último temporal, así como ao desacougo xerado coa propagación da chamada couza guatemalteca da pataca
Os temporais do primeiro fin de semana de febreiro provocaron cortes de luz, que nalgúns casos se prolongaron por mais de catro días, con subidas de tensión puntuais que acarretaron a perda de electrodomésticos e de bens de consumo conservados nos conxeladores, así como, no caso das explotacións agrarias, o verse obrigadas a procurar formas alternativas de abastecemento de enerxía eléctrica para poder seguir desenvolvendo a súa actividade e deste xeito impedir que se perdera a produción. A maiores os temporais ocasionaron grandes estragos en instalacións agrarias (naves, estabulos, invernadoiros, etc) e que a dia de hoxe non se sabe que medidas pensa adoptar a administración galega para axudar a facer fronte aos mesmos.
Outra das preocupacións que inquietan á xente do rural é o problema causado pola extensión e propagación da coñecida como couza guatemalteca da pataca. A preocupación é dupla, por un lado no que atinxe aos concellos afectados, onde se recomenda que non se plante, ao prexudicar directamente a economía das familias, e por outra no que ten a ver coa posível propagación desta praga ás zonas produtoras como A Limia, Bergantiños ou A Terra Cha, esta última moi próxima a concellos onde xa se detectou a súa presenza.
Este graves feitos veñen a pór de manifesto unha grave ineficacia, unha total submisión ao que se decida en Madrid e unha falta absoluta de interlocución por parte da administración galega.
Ineficacia na medida en que por un lado permaneceu inactiva durante dous anos desde que se detectou a presenza da praga da pataca e por outro por non actuar perante das empresas eléctricas ao non obrigalas a manter en boas condicións os tendidos eléctricos no rural.
Submisión tanto a Madrid como ás empresas eléctricas. A Madrid porque, a pesar de ter plenas competencias en agricultura, está esperando a que en Madrid decidan publicar un Decreto prohibindo a plantación de patacas nas zonas afectadas, e submisión ás eléctricas por permitir un trato discriminatorio coa poboación que vivimos no rural galego. Padecemos cortes de luz e por riba pagamos igual que se estiveramos no centro de Madrid, cando moitas das nosas terras produtivas se viran afectadas polos encoros que se fixeran no seu momento para beneficio das eléctricas.
E por último desde a FRUGA demandamos interlocución coa administración galega. A día de hoxe ninguén da administración galega se puxo en contacto con nós para establecer liñas de traballo na procura de solucións tanto no que ten a ver cos problemas causados polos temporais como no que respecta ás alternativas para defrontar presenza da couza guatemalteca da pataca.