No día da Terra, mais de 60 colectivos pedimos que se poña couto á eucaliptización de Galiza.
Santiago de Compostela, 19 de abril de 2017. Con motivo do Día da Terra, todos os colectivos e persoas que conformamos o movemento “Cousa de Raíces” xunto coa Asemblea contra a eucaliptización de Compostela convocamos unha concentración contra a eucaliptización de Galiza o vindeiro dia 22 de abril, ás 12h00 da mañá na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela.
Nesta concentración realizarase unha perfomance que consistirá na simulación da plantación con eucaliptos da principal praza compostelá. Esta plantación simbólica da Praza do Obradoiro tentará promover a reflexión sobre o desleixo que os noso montes e agras están a sufrir fronte ás plantacións masivas de eucaliptos, moitas delas ilegais, sen que a Administración faga nada pra frealas.
Neste acto tamén se denunciará a destrución do patrimonio natural e cultural que está a provocar o monocultivo forestal desta especie invasora no noso territorio.