Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2018. Cos votos contrarios do PP (37), a abstención do PSOE (14) e o voto favorábel de EnMarea e BNG (20), este martes o Parlamento Galego rexeitou dar unha oportunidade aos nosos bosques fronte ao cambio climático, os lumes e os eucaliptos.
Dende a Comisión Promotora, integrada por representantes da Alianza por un Rural Galego Vivo (ADEGA, CIG, FRUGA e a ORGACCMM) e as organizacións da Rede Cousa de Raíces, queremos agradecer aos grupos políticos que apoiaron esta ILP (BNG e EnMarea) a súa preocupación e sensibilidade cara a preocupante situación dos nosos montes en particular e do rural galego en xeral..
Vaia por diante tamén o agradecemento ás máis de 40.000 persoas que manifestaron o seu compromiso e entusiasmo en defensa dos nosos bosques, ás que dende as organizacións promotoras aseguramos que non imos renunciar a un monte galego vivo, multifuncional e sustentábel.
O PP seguíu o guión agardado e impuxo o seu voto contrario á ILP, fiel ao modelo que dende a patronal pasteiro-enerxética impoñen dende hai décadas. Coa escusa da súa “inoportunidade” e ao fío das conclusións da Comisión Parlamentar dos Lumes, nas que fían coma un dogma de fe, o representante do PP señor Blanco artellou a súa intervención arredor do eucalipto. Malia a que como relatou a poñente esta non era unha ILP contra o eucalipto senón a favor do bosque autóctono e do monte galego, o PP teimou en defender as bondades desta árbore, mesmo cuestionando o seu carácter invasor (“o eucalipto non rebrota”) e pirófilo (“o eucalipto non arde”).
Máis inesperada e sorprendente foi a abstención do PSOE, fundamentada nas dúbidas sobre a “oportunidade” da iniciativa e en discrepancias co contido, que tampouco non foron explicadas. Ao igual que o PP, fían a solución dos problemas do monte ás conclusións da Comisión dos Lumes, que votaron a favor xunto co PP, e ás e receitas dos expertos nela consultados. Semella que despois de 40 anos fronte á evidencia, o grupo socialista segue debatendo se son eucaliptos ou piñeiros, mentres os nosos montes esmorecen e o rural despobóase. Ao PP tenlle saído un novo aliado nas súas políticas eucaliptizadoras e ruralicidas, para maior gloria de ENCE.
A representante da Comisión promotora insistiu na necesidade de abordar con decisión un problema que todos recoñecen, e que semella moi poucos queren afrontar. Non abonda con que o novo Plano Forestal valide o fracaso do anterior e non corrixa os resultados de 40 anos de eucaliptización. Os nosos montes merecen máis valentía por parte dos responsábeis políticos para asumir os erros e corrixilos, en troques de tentar ignoralos.
Por segunda vez en 30 anos o Parlamento de Galiza dá as costas ao futuro do monte galego. Agardemos que dentro doutros 30 haxa aínda algún bosque que protexer.
A Comisión Promotora, novembro de 2018.