Os continuos aumentos dos custes de produción están pondo ao bordo da desaparición unha parte importante das explotacións agropecuarias galegas.

JIS

FRUGA denuncia que estes aumentos obedecen a unha operación especulativa e demanda das administracións a súa intervención, que de non producirse chamaremos a unha mobilización

Lugo 11 de marzo de 2022. O importante aumento das cotizacións dos cereais dos últimos días, tomado como escusa as consecuencias orixinadas polo conflito que se está a vivir en Ucrania, supoñen un elevado risco de desaparición de unha parte moito importante das explotacións agropecuarias galegas.

Ao longo dos últimos tempos, practicamente desde o ano 2018, estamos comprobando como se disparan os custes de produción das nosas explotacións, con importantes aumentos tanto do gasóleo, da electricidade, dos adubos, plásticos, e sobre todo das materias primas destinadas para a elaboración das racións para alimentación animal.

Na última cotización da lonxa de León, a do pasado día 9 de marzo, vimos de comprobar unha importante subida dos prezos dos cereais; o trigo subiu un 20%, a cebada un 15%, mas tamén do millo que aínda que non consta a cotización da sesión anterior, nesta do día 9 andaba polos 340 euros por tonelada, e mesmo circular informacións que xa o sitúan en case os 600 euros, e todo indica que o resto de insumos agrícolas continuarán disparados e se couto.

Neste sentido tamén asistimos asombrados ao saqueo que temos de soportar a maioría dos e das consumidoras cos elevados prezos da electricidade, así o prezo da luz aumentou en mais dun 1.000% no último ano, o que supuxo que as tres grandes empresas eléctricas do Estado español gañaran mais de 6.500 millóns de euros enchendo-lle os petos aos e ás directivas destas empresas, ás que algúns chegaran vía portas xiratorias procedentes dos distintos gobernos españois, tanto do PSOE como do PP, para exemplo temos aos ex-presidentes Aznar e Gonzalez. Mas tamén os combustíbeis subiran de media un 40% neste último ano, sendo o caso do gasóleo agrícola mais escandaloso ao pasar dos 0,80 euros a 1,40, é dicir un aumento dun 75%.

En realidade tras desta desenfreada, e sen controlo, suba desmesurada dos custes de produción, e mesmo de bens de primeira necesidade, baixo o pretexto da guerra da Ucrania que todo o cubre, encontra-se unha grave operación especulativa que xa se viña fraguando desde o ano 2018, cando menos, que fai ricos a uns pouco e empobrece ás maiorías sociais.

Desde a Federación Rural Galega – FRUGA solicitamos das administracións competentes unha intervención pública, que evite este fenómenos especulativas nas materias primas destinadas a produción alimentar. Non é de recibo que se xogue coa alimentación humana, cando debe ser un dereito universal, ao que todas as persoas temos que ter acceso. Igualmente é preciso a intervención da administración, dotando de axudas a todas as explotacións agropecuarias, que están a sufrir as causas destes prezos disparados, tendo en conta ademais, que si hai cartos para mandar armas para Ucrania, tamén debe haber fondos que eviten o peche de explotacións. Se as administracións, tanto a Xunta de Galiza, como o propio Ministerio non toman cartas no asunto, desde FRUGA chamaremos a unha mobilización do sector agropecuario nos próximos días.